23/09/2024
Barbadás súmase á Semana Europea do Deporte con exhibicións de cinco disciplinas en tres escenarios distintos
Despois da conmemoración da Semana Europea de Mobilidade, na que se promoveron hábitos saudables e se celebrou a cuarta edición do Paseo da Saúde, o Concello de Barbadás súmase á Semana Europea do Deporte. As actividades desenvolveranse dende hoxe ata o venres con exhibicións de cinco disciplinas deportivas en tres escenarios distintos. Na nova pista multideporte da Valenzá, no polideportivo e no parque da Solaina haberá sesións de fútbol, ximnasia rítmica, ximnasia de trampolín, baloncesto e balonmán.
Hoxe, luns 23 de setembro, haberá unha exhibición de fútbol na nova pista multideporte da Valenzá, a partir das 18.00 horas e a actividade repetirase o xoves 26 de setembro no mesmo horario.
Mañá, martes 24 de setembro, ofrecerase unha sesión de ximnasia rítmica nas pistas do parque da Solaina, dende as 17.30 horas. A ximnasia de trampolín será protagonista o mércores 25 de setembro no polideportivo municipal. O venres 27 de setembro haberá dobre oferta deportiva, baloncesto e balonmán, na pista multideporte a partir das 18.00 horas.
No caso de que as condicións climatolóxicas non permitan as exhibicións, cambiarase o emprazamento e comunicarase a través das redes sociais do Concello de Barbadás.