21/03/2025
Barbadás traballa coa Guardia Civil en facer realidade o traslado da comandancia ao concello

- O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, deu conta no pleno de hoxe dos pasos dados nos últimos meses, e avanzou que a Guardia Civil está valorando o solar proposto dende o Concello para a construción das instalacións
- O goberno local rebateu cos datos da Xunta Local de Seguridade, celebrada este mércores, as acusacións do PP sobre un aumento da conflitividade no municipio
O Concello de Barbadás reafírmase na súa disposición para facer realidade o traslado da sede da Guardia Civil de Ourense a A Valenzá. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, reiterou no pleno extraordinario de hoxe os beneficios de contar coa comandancia en Barbadás, xa que suporía unha mellora notable dos servizos prestados á veciñanza. Ademais, recordou que este traslado responde, nun inicio, ao interese manifestado polo responsable da comandancia nese momento.
O PP, solicitante deste pleno extraordinario, preguntou sobre o estado do proceso, ante o cal, o rexedor detallou os pasos dados nos últimos meses por parte do Concello, sempre da man da Guardia Civil. Valcárcel explicou que o goberno local explorou as diferentes posibilidades existentes para consumar o traslado, sempre en coordinación e permanente comunicación coa comandancia. Inicialmente, valorouse a opción de alugar, pero a propia Guardia Civil a rexeitou ao preferir a construción da sede dende cero.
Nese senso, o goberno local ofreceulle recentemente un solar, propiedade municipal. Segundo informou Eladio Santos, subdelegado do Goberno, na Xunta Local de Seguridade deste mércores, os técnicos do Instituto Armado xa viron o terreo e actualmente están avaliando a súa idoneidade. O espazo reúne as características requeridas pola Guardia Civil, tanto en cuestións de amplitude como de seguridade e mobilidade.
Descenso da conflitividade
O grupo municipal do PP iniciou a súa intervención no pleno falando dun suposto aumento da conflitividade no municipio, unha afirmación moi distante dos datos aportados polos corpos de seguridade na Xunta Local de Seguridade de Barbadás, na que participou a Subdelegación de Goberno de Ourense, así como membros da Guardia Civil e da Policía Local. O concelleiro de Emerxencias, Daniel Rey, deu conta do descenso dun 38% dos delitos no que vai de 2025 en comparación co mesmo período do pasado ano, así como a caída dun 15% da conflitividade en 2024 respecto a 2023.
Finalmente, a petición da dimisión do alcalde por parte do PP quedou desbotada ao contar só cos votos a favor dos concelleiros populares.