06/11/2021
Beatriz Crespo busca voces para a coral de Sobrado do Bispo e fondos para a asociación que preside
Sociedade en Barbadás
- En Sobrado do Bispo hai unha asociación cultural con coral propia chamada “Voces e Cordas” e a súa presidenta, Beatriz Crespo Raindo, leva meses preocupada pola falta de fondos para facer actividades e na procura de novas voces para ampliar a coral que xa ten 35 anos de vida.
- A coral retomou os ensaios semanais hai 15 días, “con primeiras sesión separadas para voces femininas e masculinas, pero que serán conxuntas en breve, segundo detallou Beatriz tralo segundo ensaio feminino no local da asociación “Voces e Cordas”, na vella escola de Sobrado do Bispo.
- Holandesa de nacemento, neta de muiñeiros do río Eume emigrados a Holanda e con pais de Ferrolterra tamén emigrados, Beatriz volveu a Galicia. Asentouse en Allariz e de alí pasou a vivir a Bentraces, hai 12 anos, tras coñecer a Mario de Sobrado do Bispo, que hoxe é o seu marido.
- “Inmediatamente coñecín ás voces de Sobrado na que tamén me admitiron, e agora forman parte dela 12 voces femininas e 12 masculinas, dende os 18 até os 86 anos, que son un luxo polo seu timbre e forza”, detalla a presidenta da asociación cultural.
Coral histórica busca voces
- Beatriz fai un chamamento a toda persoa interesada en forma parte desta agrupación musical que considera “un diamante en bruto” polo potencial das voces que están de novo en fase de preparación trala pandemia. “Tamén queremos que volvan as que a foron deixando neste meses de inactividade, e así retomar con forza a nova etapa deste grupo de persoas apaixonadas do canto, que funciona como unha familia”, engade.
- As voces candidatas pasan unha proba co director e organista da coral, superada xa hai dúas semanas por Purita, que é a última persoa engadida até o momento.
- A coral foi fundada en 1986 por Arsenio Alonso Araújo que foi o seu primeiro director. É de participación voluntaria, con ensaios cada martes e venres de 20,00 a 21,30 horas, para as mulleres, e os xoves para os homes.
- Hai 33 anos que está baixo a dirección do mestre organista Epifanio Nóvoa Valencia . No seu repertorio están cancións relixiosas, medievais e temas folclóricos, con letras de Modesto Blanco, integrante da coral e música do director Epifanio.
- A asociación cultural que arroupa a coral conta con 270 soci@s con cota anual de 10 €, “insuficientes” para manter actividades, segundo a súa presidenta. Magosto, ensaios do grupo de pandeireiras Vagalume e as propias actividades da coral como participación en encontros con outros grupos de voces , precisan financiación.
- “A coral estrearase este ano, en principio, na misa de Nadal da parroquia de Sobrado do Bispo, e agora que nos poñemos a punto, poden chamarnos de calquera concello e alí levarmos as nosa música”, ofrece Beatriz. Xa teñen concretada unha actuación, tamén para Nadal, no concello de Xunqueira de Ambía, no que ela traballa como Técnica de Turismo do Camiño Mozárabe.
- En internet podedes ver publicacións arredor desta agrupación, das súas actividades e gravacións que podedes gozar en tódalas ligazóns que vedes no texto, como esta titulada “Sobrado Canta” en Spotify e en Deezer .
Outras músicas na asociación
- Beatriz quere retomar e seguir con actividades como as clases de pandeireta que impartía Raquel para o grupo “Vagalumes” , os ensaios da banda de música ou tentar de novo o taller de percusión que hai 2 anos contou con poucas persoas interesadas.
- Lembra que a última actividade antes da chegada da pandemia foi a asistencia ó programa Bamboleo da Galega TV.
- Dende aquela, descartaron retomar as máis sociais, como o magosto, por exemplo, que queda adiado até 2022. Até entón, Beatriz espera un novo pulo para a coral e toda a actividade musical da asociación que preside partillando seu tempo co seu traballo en Xunqueira de Ambía e ca súa actividade como axencia de viaxes en liña .