25/09/2021
Bentraces tramita terreo público para festas e aparcamento
Sociedade en Barbadás

- O espazo de Bentraces corresponde a un territorio histórico con forma case circular, “Bentrazado” e único en todo o Estado español. Hoxe é unha aldea na que se atopan o Pazo de Bentraces (catalogado como Ben Patrimonial), rúas estreitas con moita historia, vellas bodegas e corredores elevados entre vivendas das dúas beiras dos camiños…
- Así que o seu núcleo histórico non conta apenas con espazos libres e públicos, salvo a praza do Pomar, hoxe recentemente reformada e que non ten fácil acceso para o transporte até alí das orquestras que protagonizaron até agora as festas patronais.
- A asociación veciñal “San Bieito” comezou, xa antes da pandemia, a falar con máis de 30 propietarios de “piteiros” ou pequenas hortas próximas ó tanatorio e a igrexa parroquial, para tentar trocalas en espazo verde que poidan gozar os veciños como campo da festa e como aparcamento habitual.
- “Está falado xa co concello e ca maioría dos propietarios así que esperamos que se atope unha fórmula de acordo entre ambas partes para poder dispoñer de ese chan para uso público”, detallou Begoña Fernández Rodríguez, presidenta da AAVV de Bentraces.
- Ela, o vicepresidente é Antonio Pereiras Penabad, a tesoureira Pilar Herrero Lorenzo e un dos vogais é Manuel Forneiro Irago, explicaron a “volta cara a normalidade” e os seus proxectos.
Atención Bentraces, volta a “Feira do 21”
- Na escaleira do Forno do Florente, restaurado por Antonio Pereiras na Rúa de Abaixo, a directiva do colectivo veciñal falou das súas gañas de volver as actividades comunitarias, que comezarán cos “talleres de memoria” (a inscrición está xa aberta), xunto con outras que retomarán as prepandémicas como o “Samaín”, o Magosto, Talleres de Nadal, Día da Nai e Roteiro Literario en maio, unha andaina e a recuperada “Feira do 21”.
- “A feira do 21 celebrouse no Barreiros até os anos 70 do século pasado en cada último fin de semana do mes de abril e recuperámola no 2018 e no 2019, pero no 2020 xa non se puido celebrar”, relata Begoña.
- Antonio explica que atopou documentación sobre esa vella feira na que se relata que os autobuses da empresa ourensá “Os Americanos” chegaba a Bentraces con moita xente “e para pasar por debaixo dos corredores da aldea, había que baixarlles o ar das rodas, e despois inchalas de novo para saír”. A feira reunía a compradores e tratantes de gando e viño.
- Nos anos 2018 e 2019 celebráronse senllas feiras con artesáns e animación na Praza do Pomar, e a esa praza volverá en abril de 2022

Todo preparado para a andaina de outono
- En outubro esperan poder facer a andaina anual, nesta ocasión para estrear o recentemente rozado e despexado “Camiño Real”, que é un tramo do camiño histórico entre Braga (Portugal) e a cidade de Ourense. O camiño vai pola beira do regato do Barreiro, paralelo a canle da auga para regar as hortas da zona.
- “Ese tramo forma parte da senda que se promocionará como Camiño Termal pois pasa por aldeas e cidades con baños de augas quentes”, explica Antonio Pereiras, que dará a coñecer nas vindeiras semanas parte da súa investigación arredor dese camiño que, na directiva veciñal, chaman coloquialmente a “ruta do colesterol” polos efectos beneficiosos que terá nas persoas que a transiten habitualmente.
E máis proxectos en Bentraces
- O colectivo veciñal espera dar pulo tamén a rehabilitación de dous lavadoiros da aldea e co tempo, quizais… quen sabe… é posible que se faga realidade unha das ideas do vicepresidente, que é a construción dun miradoiro do que xa ten maqueta. Antonio chámalle “escadeira” e amosa na foto do grupo directivo diante no forno do Florente.
- As ideas, maquetas, debuxos e borradores de Antonio… serán protagonistas doutra historia semanal.