10/04/2020
Carta do Alcalde de Barbadás á cidadanía ante o COVID-19
MENSAXE DO ALCALDE DE BARBADÁS Á CIDADANÍA
Estimado veciño e veciña:
Dende a Alcaldía de Barbadás quero transmitir unha mensaxe de tranquilidade, de ánimo, de confraternidade ante a situación que estamos a vivir todos e todas nós.
As últimas semanas están sendo complexas e difíciles. Todos/as os/as veciños/as vivimos as consecuencias da pandemia de Coronavirus con preocupación e con inquedanza. Unha actitude comprensible ante unha enfermidade descoñecida.
Como alcalde de Barbadás síntome na obriga de dirixirme á veciñanza para que saiban que diante desta emerxencia sanitaria estamos a adoptar decisións e a poñer en marcha medidas de protección da saúde e da seguridade para que todos/as vostedes se sintan arroupados/as, protexidos/as.
Quero que saiba que hai moitas persoas velando para que as consecuencias do COVID-19 teñan un menor impacto nas súas vidas.
Dende o Concello de Barbadás quero transmitir tranquilidade e dicirlle a cada familia que o esforzo e o traballo de moitas persoas fan posible que o impacto da pandemia se minimice.
Están levándose a cabo tarefas de limpeza de zonas públicas, de desinfección de accesos a establecementos comerciais e tamén de baldeo e desinfección de beirarrúas e viais.
Dende Protección Civil estase realizando un excelente e impecable traballo para atender ás persoas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade.
A Policía Local está redobrando esforzos para intensificar os traballos en aras da seguridade das persoas e están a prestar un servizo para que a veciñanza respecte os protocolos marcados.
Dende as brigadas de obras e xardinería acométense a diario tarefas de desinfección. Os/as traballadores do Concello continúan prestando atención á cidadanía mediante o teletraballo.
Creamos servizos novos como a atención psicolóxica, a atención aos maiores, a impresión de apuntes para estudantes e apoio ás persoas que non poden desprazarse á farmacia ou ao supermercado.
O servizo de axuda no fogar, fundamental para a atención dos/as persoas dependentes, continúa desenrrolándose nas mesmas condicións de calidade e seguridade.
Creouse tamén unha cadea solidaria de confección de mascariñas que se fixeron chegar prioritariamente ás tres Residencias de Maiores do municipio: Domusvi, Nosa Señora dos Milagres e Siervas de San José.
E dende hai días estanse entregando directamente a colectivos e persoas vulnerables ou con risco elevado de contaxio e agora tamén nos pequenos establecementos comerciais que seguen abertos para que llelas entreguen aos seus clientes.
Trataremos de que cheguen a toda a veciñanza que sexa posible ou polo menos ás persoas que teñen que sair por necesidades básicas do seu confinamento. Temos que pensar que é unha fabricación artesanal e feita por persoas voluntarias a quen quero trasladar un enorme agradecemento e unha enorme aperta.
O Banco Solidario está aberto todos os días de luns a venres para axudar ás persoas que máis o necesitan. Lembrar que calquera pode facer a súa aportación solidaria para poder colaborar coas persoas que son atendidas dende este servizo.
Desde a Concellería de Comercio e o Centro Empresarial Transfonteirizo estanse a estudiar medidas de apoio para colaborar co comercio de proximidade para recuperar a normalidade na súa acitividade.
Como alcalde quero anticiparlle que seguimos abertos a escoitar as inquidanzas de todos vostedes.
Calquera suxestión que teñan pode transmitila, como acontece normalmente, pero nestes momentos especialmente debemos permacer unidos, en contacto, fomentando xestos de solidariedade e abrindo os nosos corazóns ante as persoas que nos necesitan.
Agradecer a todos os veciños e veciñas a súa solidariedade, a súa responsabilidade e a súa cooperación nestes momentos nos que todos e todas a unha temos que pensar e colaborar no benestar de toda a veciñanza.
Máis pronto que tarde Barbadás volverá a ser un lugar cheo de cór, de ledicia, de nenos e nenas xogando nos parques e de terrazas cheas de bullicio.
Moito ánimo e unha aperta.
Xosé Carlos Valcárcel, Alcalde de Barbadás