25/09/2020

Carta do Alcalde de Barbadás tralo incio do curso escolar nos colexios de Barbadás

Estimado/a conveciño/a,

O inicio deste curso escolar 2020-21 caracterízase pola súa dificultade tanto a nivel de seguridade coma na habilitación de espazos, na adopción de  medidas de hixiene e desinfección,  de loxística e tamén de seguridade viaria.

Desde o Concello quero trasladar a todas as familias o noso esforzo para garantir un curso académico o máis tranquilo e sosegado posible e que o noso afán está centrado en colaborar con todos os coletivos educativos, estando ao seu dispor para calquera cuestión ou dúbida que poida xurdir e que sexa de competencia municipal.

Esta colaboración é fundamental e co traballo de todos e todas estou seguro que saira ben.

Trasladar o meu agradecemento e o de toda a Corporación Municipal ós equipos directivos, docentes e todo o persoal dos colexios polo seu traballo e dedicación.

E por suposto tamén ós pais e nais pola súa colaboración.

Grazas tamén á Policía Local e a Protección Civil por estar presentes en cada xornada escolar velando pola seguridade do entorno dos colexios.

En ambos centros educativos, tanto no Filomena Dato coma no Ruxidoiro existiu desde antes de comezar o curso unha estreita colaboración entre a comunidade escolar, o persoal municipal que traballa nos colexios e os diferentes departamentos do Concello de Barbadás (Educación, Obras, Parques e Xardíns, Administración) para conseguir un único  obxectivo que é o de  iniciar esta andaina co mínimo impacto posible tanto sobre o alumnado coma sobre as familias.

Leváronse a cabo tarefas de redistribución de espazos, de posta a punto de recintos, de marcado de zonas seguras e de itinerarios que teñen que cumprir  os protocolos vinculados á Covid-19.

Ademais de habilitar pasillos seguros nas entradas e saídas aos centros escolares, habilitáronse e marcáronse liñas de tránsito e permanencia do alumnado nas aulas e nas zonas comúns para poder garantir a saúde tanto do alumnado coma do profesorado e traballadores.

As labores de limpeza e desinfección en ambos centros de ensino intensificáronse conforme á normativa marcada pola Xunta de Galicia, procedéndose ao aumento en 3 horas, é dicir, dende as 10,30 ata as 13,30, o que supón un sobrecusto para o Concello de Barbadás.

A limpeza dos centros educativos é competencia do Concello de Barbadás, que gasta mensualmente neste servizo 4.441,43 € no Filomena Dato e 3.400 € corresponden ó Ruxidoiro.

Ademais destas contías o sobrecusto xerado pola emerxencia sanitaria suporá no colexio O Ruxidoiro un incremento de 1.089 € ao mes, en tanto que no colexio Filomena Dato procedeuse a un reaxuste de persoal que prestaba os seus servizos en centros nos que na actualidade non hai actividade.

Desde a Concellería de Educación e tamén desde a Alcaldía estamos traballando para recuperar todos os servizos que afectan á comunidade educativa e á conciliación familiar e laboral de xeito que encontremos o equilibrio con un valor fundamental que é o de preservar a saúde.

Grazas pola súa colaboración.

 

Un afectuoso saúdo.

 

Xosé Carlos Valcárcel Doval

 

Novas

CONTENT.1737220806

SINGLE.1737220806