14/05/2024
Case unha decena de agrupacións musicais amenizarán a Foliada Letras Galegas que se celebrará no Parque dos Carrís
Na fermosa carballeira do Parque dos Carrís celebrará o Concello de Barbadás este venres 17 de maio a gran Foliada Letras Galegas, que foi presentada esta mañá neste mesmo escenario. Trátase dunha iniciativa que alcanza a súa terceira edición e que este ano estará dedicada á poetisa e ensaísta Luisa Villalta. Case unha decena de agrupacións musicais amenizarán a xornada e está previsto que ao xantar popular asistan preto de 300 persoas.
A Foliada Letras Galegas contará coas actuacións da charanga feminina Bicoia, a Banda Cultural de Barbadás, integrada polo alumnado da Escola Municipal de Música, e de grupos como Lambisqueiras, Zoadeira e Cuncas de Son, con cantos e música tradicional.
Dende o Concello de Barbadás convídase a todos os veciños e veciñas a participar neste evento e desfrutar do xantar popular que comezará ás 14:30 horas. As entradas para o xantar están a venda en Fonval, Rúa da Ensinanza, 11.
Tal e como explicou a concelleira de Educación e Comercio, Marga Pérez, tamén está previsto que no Parque dos Carrís se instalen postos de produtos artesanais e ofreceranse xogos e talleres para os máis pequenos, como un obradoiro de pulseiras de coiro. “Será unha xornada moi especial e convidamos a toda a cidadanía a participar”, engadiu Pérez.
A concelleira de Cultura, Ana Belén Peleteiro, insistiu no carácter interxeracional e popular desta Foliada Letras Galegas que xa acada a súa terceira edición e “que porá en valor un ano máis a nosa música e a nosa gastronomía”.
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, subliñou que os veciños e veciñas poderán vivir no Parque dos Carrís “a típica romaría galega, na que haberá música, danza, cantos tradicionais e gastronomía e que pretende reivindicar o uso da nosa lingua”.
A Foliada Letras Galegas rematará coa actuación da charanga BBB e unha gran queimada a partir das 18.30 horas. Recoméndase aos asistentes que leven vestimenta tradicional galega para disfrutar desta iniciativa que se consolida no calendario cultural.