14/12/2020
Castro Trail Barbadás: de “catro amigos” a centos, campo a través
Emprendemento en Barbadás

- David Losada é unha das persoas que mellor coñece sendas, camiños, outeiros en moitos lugares de Galicia, e hai 5 anos acordou “con catro amigos” poñer o seu concello nos mapas galegos do campo a través.
- No día a día conduce un camión de reparto e cada fin de semana participa en “trails” por toda Galicia e avanza na preparación do “Castro Trail” que organiza desde 2015 nos montes de Barbadás. No primeiro ano a saída foi de Sobrado do Bispo e foi cara “os castros” que fan raia co concello de Toén.
- “Éramos catro amigos interesados nas carreiras campo a través e decidimos fundar un club para organizalas no concello de Barbadás”, explica. Os catro amigos eran Daniel, Castor, Fico e David, que agora preside o club “Castro Trail”. Levan organizadas 4 edicións da carreira, e pensan seguir con elas, tras a paréntese sen actividade provocada pola pandemia en 2020.
- O club conta agora con 47 socias e socios federados de toda a provincia e de Pontevedra e a súa fórmula de 24 km de carreira ou 14 km de andaina funciona e ten melloras cada ano, para as 500 persoas que se inscriben. “Poñemos unha cota pechada tendo en conta ás persoas cas que podemos contar no equipo anual para atendelos avituallamentos, os cruces de sendeiros e os imprevistos”, engade.
- O percorrido leva a tódolos e tódalas participantes por recunchos diferentes do concello coa idea de dalo a coñecer cunha actividade sa e divertida.
- O “Castro Trail” saíu nos últimos anos dende campo de fútbol de Barbadás, para percorrer todo o concello, pasando pola zona do San Benito e o Tangaraño, Santa Uxía, Piñor, Sobrado, Loiro… e cada ano foi incorporando novidades para o goce dos participantes: música en directo a cargo de “La banda de Mazinger”, servizo de coidado e parque de xogos para os fillos e fillas de participantes, bebidas, aperitivos e pinchos e uns trofeos que este ano serían obra do artista Tony Ferrer.
- A proba de Barbadás celébrase cada ano en maio… menos en 2020. “Cando comezou a pandemia xa estaba o percorrido escollido, marcado, coas sinalizacións a punto, a publicidade, os premios… todo organizado e así queda todo, adiantado e conxelado, para 2021”, detalla David. De feito, aí está o cartel previsto para 2020, con corrección provisional para 2021 … se todo vai ben.
- O club ten presenza, ademais, nun cento de probas de toda Galicia, Asturias e Portugal. A calidade en carreira dos homes e mulleres que o integran levounos xa a posicións destacadas como o subcampionato de España e Galicia, e boas clasificacións en moitos deles.