Categoría: Actas e acordos
|
Barbadás destina case 800.000 euros a actividades e servizos que deberían pagar outras administracións 17/09/2025 |
|---|
Barbadás destina case 800.000 euros a actividades e servizos que deberían pagar outras administracións
O pleno do Concello de Barbadás aprobou esta mañá, en sesión extraordinaria, o orzamento para o 2025, que ascende a 9.240.734,87 euros. O orzamento medra en preto de 600.000 euros respecto ao exercicio anterior, o 2024. A aprobación lévase a cabo nestas datas, co exercicio xa avanzado, debido ao contexto de prórroga orzamentaria no ámbito estatal, xa que ata finais de xuño non foi posible coñecer con precisión a participación das entidades locais nos fondos do Estado pola falta de acordo entre os grupos parlamentarios con representación no Congreso. En calquera caso, o orzamento municipal deste 2025 non só é maior que o de 2024, senón que tamén supón un importante paso adiante respecto aos de anos anteriores e reforza a aposta do goberno local por investir en obras (plan municipal), servizos e actividades que mesmo en algúns casos non son propias, senón que deberían estar financiadas por outras administracións. O elevado impacto das denominadas competencias impropias, que deberían estar a ser financiadas por outras administracións (nomeadamente, Xunta de Galicia e Goberno Central), alcanza preto de 800.000 euros anuais que asume o Concello de Barbadás. Neste capítulo atópanse, por exemplo, o Servizo de Axuda ao Fogar, o mantemento dos centros educativos ou mesmo as bonificacións ao transporte, nas que Barbadás é pioneiro en Galicia. Esta elevada inversión, que tensa as arcas públicas e impide investir eses mesmos cartos en proxectos e servizos de exclusiva competencia municipal, provocou que o Concello solicitase o pasado agosto á Xunta que asumise integramente o SAF, dado que é esta administración, xunto co Goberno Central, quen teñen a obriga legal de financialo.
Neste sentido, o alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, citou esta mañá o custo anual do SAF para as arcas municipais (máis de 430.000 euros) ou o do transporte (máis de 160.000 euros). “Somos o único concello con bonificacións para o transporte público, o que supón cada ano 132.000 euros, e non existe transporte metropolitano nin nada que se lle pareza porque a Xunta non quere actuar aquí”, resaltou. O concelleiro de DO, Daniel Rey, e o edil do Partido Galego, Ramón Padrón, tamén puxeron o foco na falta de financiación do Estado e da Xunta en servizos que lles corresponden. “Todos coincidimos en que o SAF é un servizo que temos que prestar, como servizo social fundamental que é, pero lastra o orzamento deste Concello, sendo un servizo de carácter autonómico”, apuntou Rey. A contía para este 2025 supera en máis dun millón de euros o orzamento que se elaborara para o ano 2022, que fora o primeiro trala superación da pandemia e que, polo tanto, é o que se adoita tomar como referencia. Os concelleiros de DO e Partido Galego apuntaron a “infrafinanciación” das administracións locais e criticaron a falta de financiación por parte da Deputación e da Xunta, mentres que PP e BNG afearon a tardanza na aprobación dos orzamentos, causada pola falta de acordo entre os parlamentarios con representación no Congreso. Investimentos e persoal O capítulo de investimentos, pola súa parte, ascende aos 978.444,86 euros que, sumados ás aportacións do Estado a través doutras administracións elevan a contía total a algo máis dos dous millóns de euros. Esta partida destínase á creación de novas infraestruturas e equipamentos, así como á rehabilitación e reforma de espazos senlleiros do municipio. Entre outros investimentos, destaca o relativo ao iluminación pública a través do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), con máis de 360.000 euros, ou o relativo a infraestruturas e bens de uso xeral, con 221.000 euros. Pola súa parte, das aportacións estatais a través do CooperOU destaca a recuperación de edificios como a antiga escola de Sobrado, novas áreas lúdicas e deportivas como o Parque Lucinda, a ampliación do Polideportivo ou obras de saneamento e melloras en accesos viais. No referente ao capítulo de persoal, o gasto sobre o total dos orzamentos redúcese con relación ao 2024 e tamén respecto aos anos anteriores. En comparación con 2022, a porcentaxe diminúe en case seis puntos: se nese exercicio o persoal supoñía o 48,32% do total orzamentado, en 2025 redúcese ata o 42,20%. No pleno, a concelleira do PP, Chelo Vispo, criticou o “elevado gasto de persoal”, ao que o alcalde lle recordou a diminución respecto aos anos previos. “Esta redución débese a que xa non contratamos tanto temporalmente e a que se estabilizaron emprego”, indicou. |
CONTENT-CAT.1768974197
*08/04/2025
**
A moción dos populares de Barbadás foi aprobada por unanimidade o 13 de xaneiro e o 23 do mesmo mes a obra xa foi solicitada, xunto coas outras dúas previstas, á Deputación, que agora obriga a descartar unha delas Xosé Carlos Valcárcel pídelle a voceira popular que cumpra o prometido coa veciñanza: “Axude a que … Seguir lendo O goberno local insta ao PP a desbloquear a subvención da Deputación para cambiar o chan do local de Sobrado, que o propio PP propuxo en pleno →
|
O goberno local insta ao PP a desbloquear a subvención da Deputación para cambiar o chan do local de Sobrado, que o propio PP propuxo en pleno 08/04/2025 |
|---|
O goberno local insta ao PP a desbloquear a subvención da Deputación para cambiar o chan do local de Sobrado, que o propio PP propuxo en pleno
O pleno de Barbadás instou onte ao PP a desbloquear a subvención nominativa solicitada á Deputación de Ourense para o cambio de chan do local social de Sobrado do Bispo. Na sesión ordinaria onte celebrada na Casa do Concello, o grupo popular levou unha moción para que o Concello faga a petición desta axuda, algo que o goberno local realizara xa o pasado mes de xaneiro, concretamente o día 23. A tenente alcalde, Victoria Morenza, explicou que o proxecto se presentou no Pazo Provincial xunto coa ampliación do polideportivo e a reforma do Museo da Gaita. A incorporación desta obra en Sobrado do Bispo ás solicitadas polo Concello de Barbadás á Deputación (vía subvencións nominativas) foi o resultado dunha moción presentada polo PP local so 10 días antes, o día 13 de xaneiro, na que propoñían precisamente que así se fixera e que contou co apoio de toda a Corporación. Agora Barbadás aspira a manter as tres obras solicitadas, tal e como explicou ironicamente Victoria Morenza: “Barbadás ten tres fillos para enviar á universidade, pero non quere ter que elixir entre so dous”, para o que pediu a axuda do PP local, pois ao final, a decisión última depende da Deputación. É por elo que o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, recalcou que o goberno municipal “fixo o seu traballo” e nesa liña instou tamén á voceira popular, Chelo Vispo, a mediar coa Deputación para conseguir as tres subvencións e cumprir así co seu compromiso coa veciñanza. “Axude a que o presidente da institución provincial non nos diga que 300.000 euros son moitos para Barbadás. Non eran tantos cando en tempos pasado se invertían en concellos de moita menor entidade que Barbadás”, recordou. Pola súa parte, Chelo Vispo recoñeceu que a Deputación recibiu a petición da subvención nominativa, pero descoñece o estado da mesma. “Teremos que esperar ao pleno provincial de finais de abril, no que se tratará a modificación de crédito para Barbadás, para saber en que estado está a petición”, explicou. Cabe recordar que a ampliación do Polideportivo e o a impermeabilización do Museo da Gaita son tan necesarios para o Concello e o goberno local como o cambio do chan en Sobrado do Bispo, polo que espera que a Deputación non os poña na situación de ter que elixir. En todo caso, para tranquilidade dos veciños, Victoria Morenza asegurou que “a substitución do solo de Sobrado efectuarase con fondos municipais se é necesario”, aínda que confía que o PP cumpra a súa palabra coa veciñanza, pois entre outras cousas, así se adiantaría a execución da obra. A moción do PP foi aprobada onte cos votos a favor dos populares e do BNG, e coa abstención do PSOE, de DO e do Partido Galego, pois entenderon o que pedían nela xa estaba trasladado á Deputación e que agora a pelota estaba no tellado da institución provincial e do PP local. Apoio á sanidade pública O pleno de Barbadás aprobou o apoio á manifestación da plataforma S.O.S Sanidade Pública, cos votos a favor do PSOE, DO, Partido Galego e BNG, e cos votos en contra do PP. A concelleira de Sanidade, Elisabet González, respondeu á moción presentada polo BNG cun apoio inequívoco. “Somos coñecedores dos recortes e deterioro da sanidade galega, é necesario dotala de maior persoal, hai listas de espera en todas as especialidades e sabemos do aumento das derivacións aos servizos de saúde privados. Teñen que deterse os recortes sanitarios”, reclamou González. O pleno tamén aprobou, cos votos en contra do PP, a moción presentada polo BNG en rexeitamento ao proxecto de construción da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei. Por outra banda, o pleno rexeitou a moción presentada polo PP para a creación dunha ordenanza reguladora dos locais sociais. A concelleira de Participación Veciñal, Ana Peleteiro, destacou o bo funcionamento dos locais sociais coas propostas do Concello, das asociacións veciñais e das iniciativas cidadáns. “Dende a concellería estamos a traballar en coordinación coas asociacións, existen unhas normas de funcionamento que se cumpren por todos”, resaltou Peleteiro. Nesa liña, avanzou que o goberno local está a traballar nunha ordenanza que abranguerá o uso de todas as instalacións municipais. “Previamente haberá que facer consulta pública”, sinalou. A moción foi rexeitada cos votos en contra do PSOE, DO e Partido Galego, e cos votos a favor de PP e BNG. |
CONTENT-CAT.1768974197
*25/02/2022
**
|
ACTA PLENO XANEIRO 2022 25/02/2022 |
|---|
CONTENT-CAT.1768974197
*17/04/2018
**
Acta sesión extraordinaria pleno 18 12 2017
|
Acta sesión extraordinaria pleno 18 12 2017 17/04/2018 |
|---|
CONTENT-CAT.1768974197
*
**
Acta sesión ordinaria pleno 04 12 2017
|
Acta sesión ordinaria pleno 04 12 2017 17/04/2018 |
|---|
CONTENT-CAT.1768974197
*
**
Acta sesión extraordinaria pleno 07 11 2018
|
Acta sesión extraordinaria pleno 07 11 2018 17/04/2018 |
|---|
CONTENT-CAT.1768974197

