08/03/2023
Catorce traballadoras e a tartaruga Catalina educan e atenden a un cento de nenos na escola infantil municipal
Estes meses de marzo e abril son os establecidos para a matrícula de nenas e nenos de 3 meses a 3 anos na escola infantil municipal, que conta con pouco máis de cen prazas para pre-escolares que serán coidados, atendidos e educados por un equipo de 14 traballadoras e a tartaruga Catalina, mascota do centro.
- A escola municipal abriu no 2003 de forma privada. O concello ofrécea como servizo público dende 2012 na rúa do Ensino, a mesma na que están a Policía Local e un dos colexios abertos no concello.
- As familias que xa teñen ás nenas e nenos na escola infantil, teñen este mes de marzo para renovar a praza, mentres que o mes de abril será para as primeiras matrículas.
- A concelleira de Educación Margarita Pérez Férnández (que tamén é responsable das áreas de Cultura e Comercio) e a directora do centro, Laura Díaz Atanes, explicáronnos as características e horario deste servizo municipal que, dende o actual curso 2022-2023, é de balde para tódalas familias.
“En todas as escolas infantís, tanto públicas como privadas o servizo é de balde, salvo o comedor, que para cada familia é un custo, sempre baixo, que paga por un baremo que ten que ver ca renda familiar”, detalla Marga.
- A atención esténdese dende as 7,30 até as 20,30, aínda que cada pequeno/a pode estar un máximo de 8 horas. “Mesmo hai nenos que comen na escola, son recollidos polos seus pais para esa sesta de despois do xantar, e tráenos de novo para rematar a tarde, porque é un xeito de tentar conciliar os horarios laborais dos adultos coa atención aos fillos na casa”, explica Laura.
- No cotiá, nas aulas da escola traballan 7 educadoras, con outras 3 de apoio e 2 máis que o fan pola tarde (cando hai menos nenos nas instalación). Un total de 14 persoas traballan para educar, atender, alimentar e manter a limpeza do centro, e todas collen vacacións no mes de agosto, único no que pecha as súas portas.
- Dende 2012, o sapoconcho Catalina é un habitante máis das aulas. Varias xeracións de nenas e nenos xogaron con ela, e déronlle petiscos de comida para vela moverse e nadar na súa pequena piscina.
Cen pequen@s cada ano
- Cada ano cóbrense todas as prazas que oferta, que este ano foron un cento. As actividades que desenvolven van dende as de benvida, xogos, bailes, traballos con fichas, e moitas ao ar libre, no patio.
- Antes do verán rematarase o proxecto de sombrear o patio con tecidos en forma de vela de barco. “Neste momento hai toldos para resgardar do sol pero se o verán é moi quente, unhas teas que fagan máis sombra serán ideais para pasar mellor ese tempo no exterior, xunto coa ampliación da zona verde que permitirá que as nenas e nenos gozar máis”, relata Marga.
- O patio conta cun gran espazo limitado por vexetación en parede vertical, ocupado por algúns xogos de parque infantil e unha laranxeira, moi acaído para actividades coas familias.
“Esperamos recuperar esas dinámicas pois a implicación dos pais é fundamental e así o facíamos antes da pandemia, cando as familias preparaban xuntas os disfraces para o Entroido, igual que nos encontros doutras datas especiais como Nadal e magosto, nas que había visitas, como a de Mickey Mouse, e encontros con nenas e os nenos”, lembra Marga.
- Agora, segundo Laura, a intención é ir recuperando esas actividades familiares, e sacarlle máis partido ás instalacións, moi amplas e vistosas.
“Volveron tamén as saídas e visitas fóra da escola, como as que levan aos nenos de 3 anos até os colexios de Barbadás, nos que se escolarizarán no vindeiro curso, ou cara a biblioteca, ou ao parque dos Patos”, explica.
Atención moi personalizada
- O equipo inclúe o traballo dunha nutricionista, que traballa estreitamente coa cociñeira Elena, para elaborar e preparar menús completos, sans e equilibrados. Entre os pratos do día, soe haber alimentos con formas moldeadas por Elena para que o alimento sexa máis atractivo para os pequenos.
E se algunha nai escolle a opción de que os biberóns do seu pequeno sexan o máis semellantes posible á aleitalo, “pode sacarse o seu leite e traelo para que llo poñamos nos biberóns de cada día”, resalta Laura.
- Tamén se ocupan de que os bebés fagan unha transición progresiva e cómodo dende a comida semilíquida ou papas, cara a comida sólida, ademáis de adestralos no abandono progresivo dos cueiros, na tarefa de vestirse sós ou na de comer de xeito autónomo.
- Antes do actual curso, cando as escolas infantís supuñan un custo para as familias, o concello subvencionaba a estancia nunha privada, para as nenas e nenos que quedaban en lista de espera na escola municipal.
Novas nas futuras actividades
- Marga, conta as ideas que barallan para o futuro ou os proxectos extra-escolares que foron adiados para poder cumprimentar as medidas sanitarias pola pandemia. Fala con entusiasmo de obradoiros de masaxes relaxantes para os bebés, contando coas nais e pais, a compra de novo material, e o arranxo do patio, entre outros.
- Tódalas melloras son posibles, segundo Marga, porque o equipo deste servizo público traballa dando un trato a nenas e nenos “excepcional e vocacional”.
- Da época de restricións sanitarias queda o uso dos patucos de plástico para as visitas e a limpeza continua das mans.
- Nas imaxes, varias aulas da escola infantil municipal, tamén de Catalina, o comedor, o patio e a cociña con Laura.
- Na imaxe de cabeceira está unha escolma das traballadoras. De esquerda a dereita Pilar, Sonia, a concelleira Marga, a directora Laura e a cociñeira Elena.