20/01/2021
Cen veciñas e veciños son hoxe a memoria de Loiro
Emprendemento en Barbadás
- Manuel Fernández é un fillo de Loiro, retornado en 2014 dende Madrid, e a cara visible do colectivo “Loiro na memoria” que decidiu recuperala vida e historia do seu pobo natal, que conta arredor de cen veciños.
- Esa labor comezou como proxecto persoal de Manuel, que quixo facela a árbore xenealóxica da súa familia consultando os rexistros Civil e Eclesiástico, e xuntar unha colección de fotografías de tódolos seus parentes.
- “Falei cos veciños e as veciñas para pedirlles as que tiveran, e agora xa hai case mil fotografías escaneadas e gardadas como arquivos dixitais e o número segue a aumentar”, detalla.
- Cando se fixo idea do que comezara, falou co concello de Barbadás para propoñer unha exposición no pobo e o interese medrou: “nese momento envorcouse todo o mundo e fixemos unha exposición no ano 2018, cando tiñamos 300 fotos, impresas en paneis con textos”.
- O concello cedeu un local aos veciños para mantela mostra, e hoxe contan coa primeira planta do edificio que ten o tanatorio na pranta baixa. “Agora, os paneis cas fotos están entre ferramentas e apeiros de traballo e os visitantes dinnos que saen impresionados”.
- Arredor dos paneis de fotos, o espazo etnográfico acolleu cursos de restauración de obxectos antigos e mobles, impartidos por Conchi Carbajo de “Artelandia” e algunhas persoas das participantes xa non pararon de restaurar. “Primeiro foron cousas da casa de cadaquén, despois falamos co párroco e comezamos a limpar e recuperar obxectos antigos que estaban na sacristía da igrexa”. Algúns deles xa forman parte do museo.
- Unha cousa levou a outra e…
- Chegou o verán de 2019 e, como unha cousa leva a outra, co bo tempo xurdiron “fiadeiros” con xuntanzas arredor de merendas ao aire libre, con música e cantos. “Así fixemos unha versión actual dos fiadeiros que se xuntaban nas casas durante a escasulla do millo”, lembra.
- O guitarrista, Manuel Estévez Viriato, deu clase para que as veciñas e os veciños de Loiro aprenderan a tocar e hoxe teñen no pobo a charanga “Os fedellos” co propio Manuel, o acordeonista Hans Marlanska do pobo, o gaiteiro Juan Manuel Conde, a pandeireteira María Dolores Franco e o outro guitarrista Manu.
- O novo grupo musical tocou no centenario da veciña Olimpia Iglesias no día do seu aniversario, e diante da casa de dous veciños/as máis que cumpriron 100 anos dende 2018, tamén durante a pandemia, con distancia e medidas de seguridade sanitaria.
- A asociación “Loiro a memoria” naceu durante a construción do museo, en tres antigas adegas da rúa das Quintas e deu pulo ademais a outras actividades como ximnasia ao aire libre, cine de verán, teatro e novos cursos de pandeireta e guitarra, incluso durante o verán de 2020.
- Tamén xestionou proxectos para o pobo con financiamento do concello. Entre os executados: os canastros da Uxeira e o propio museo. Entre os pendentes: homenaxe a familia dun veciño que escribiu un libro de contos baseado na xente do pobo e homenaxe ás persoas que foron mestres/as en Loiro.
Barbadás Quéreo Viveo, Novas, Participación cidadá, Promoción económica