15/03/2023

Chamada contra vertedoiros ilegais e agradecementos pola participación na compostaxe

Servizos en Barbadás

O concelleiro de Medio Ambiente, Parques e Xardíns, José Rafael Sierra Tarrío (esq.) co encargado do mantemento de parques e xardíns Rodrigo Piñeiro Domínguez e co operario do tractor José Ramón, que traballa para Medio Ambiente e para Obras e Infraestructuras, diante da nave de material en Barbadás.

A área de Medio Ambiente está neste momento na cabeza e mans do concelleiro, José Rafael Sierra Carril, quen nos falou das iniciativas emprendidas nos últimos anos e tamén da “preocupación” nos últimos meses pola proliferación de vertedoiros ilegais “nos que se están a deixar entullos de reformas e obras, e moitas rodas”, concretou.

  • A outra cara desta área está nas actividades de limpeza e mantemento de espazos verdes, a no compostaxe que vai pola cuarta campaña sucesiva. “Fíxose unha co ministerio de Medio Ambiente, dúas con Sogama e agora cunha empresa externa porque hai moita aceptación; os participantes teñen a colaboración total dos operarios e maquinaria do concello”, engade.

 

  • De feito, está a disposición das persoas que piden composteiros, a “biotrituradora” que se custodia na nave de maquinaria (detrás do Centro de Información da Muller), baixo a cancha de baloncesto coas mellores vistas de todo o concello.
    “Temos entregados uns 350 composteiros,  que son revisados durante un ano polo servizo de Medio Ambiente, e logo pasa a ser propiedade da veciña/veciño que o solicitou e o utiliza. A biotrituradora pode solicitarse partir residuos vexetais e recóllense despois as serraduras para o compostaxe”, detallou.
Leira de acopio do concello para os restos das podas. - Concello de Barbadás
Leira de acopio do concello para os restos das podas. 10/03/23. Foto Rosa Veiga

Alimentación de gatos e limpeza de leiras

  • Na área de Medio Ambiente comezaron tamén, campañas novidosas de alimentación e esterilización dos gatos que viven nas rúas do concello, cunha partida que supera os 20.000 € anuais. E outra de identificación de propietarios de leiras aos que se lles notifica que deben mantelas limpas de matogueira e restrollos, como prevención fronte os danos que pode causar un incendio forestal e as molestias e sucidade que orixinan eses restos vexetais.
    Enviáronse unhas 2.400 cartas nunha primeira quenda, e outros 1.400 propietarios foron notificados e informados nunha segunda, de leiras que se sitúan sobre todo en Santa Ouxea (Santa Uxía), Bentraces e Sobrado do Bispo,  detalla Rafael.

 

  • En relación aos vertedoiros ilegais, José Rafael detalla que os operarios municipais atopáronse cun gran “verquido” de bidóns de pintura amoreados na finca que utiliza o servizo municipal para xuntar os restos das podas das árbores, preto do tanatorio de Barbadás.
    “Nas beiras dos ríos atopamos plásticos, rodas, xoguetes… No centro de Sobrado,  alguén decidiu depositar rodas, tamén deixan pezas de coches, chapas, cascallos, portas”, e dixo querer facer un chamamento para ter “maior civismo e consideración” e que cadaquén xestione os entullos e cascallos dun xeito máis razoable. “As empresas que os xeran, as de obras por exemplo, cobran por facerse cargo deles e xestionalos, e os particulares pídolles tamén un pouco de atención”, recomenda.
Escombreira de bidóns de pintura que alguén verteu na leira de acopio do concello. Non é o lugar para estos residuos. 10/03/23. Foto Rosa Veiga
Escombreira de bidóns de pintura que alguén verteu na leira de acopio do concello. Non é o lugar para estos residuos. 10/03/23. Foto Rosa Veiga

Coidado e mantemento de 40  espazos verdes

  • O traballo habitual da brigada de medio ambiente é, ademais, o de coidar, limpar e manter en boas condicións unha corentena de parques, xardíns, zonas verdes das 6 parroquias do concello.
    • Moitas delas nas beiras dos río Barbadás e dos regatos Porto Barreiro, Barreiro e Santa Olaia.
    • Na Valenzá o parque da Liberdade (saíndo cara Barbadás, a esquerda antes do viaduto da A-52), o de Vilaescusa, o parque do Tren, A Solaina, A Leiteira, o da rúa do Viso, , Salgueiriños, Searas, parque dos Amieiros e piscinas municipais, parque dos Diestros, no espazo no que está a Casa da Mocidade , o parque das Lamas, os dous da Finca Fierro e o do Lameiro
    • En San Lourenzo de Piñor o parque de Parada, o Campo de Roma, o parque do Tanatorio, a Aira Valenzás (en Requeixo), O Común, o parque da fonte de Santa Ouxea (Santa Uxía), o espazo arredor da capela de San Benito de Cova de Lobo.
    • En Barbadás, o parque de Lameiro do Morto, o parque de San Mauro, o espazo no que está o Centro de Información á Muller (CIM), o pequeno parque das Antoniñas, o de Pontón e o do Souto Vello (a curva na que se homenaxea ás rianxeiras cun gran graffiti).
    • En Sobrado do Bispo, o parque do Fidalguiño, o Outeiriño, o campo do Carril (no barrio de Alén), a praza Acha do Souto, o da rúa Cadaval e o da Beringuela (preto do depósito de auga).
    • En Bentraces, o parque entre o bar e a rúa Besadas (por debaixo da estrada cara Celanova), o parque do Barreiro (no camiño cara o campo de fútbol), o parque da rúa Hermida e o do Pouleiro. Nesta localidade, a brigada tamén se ocupa da contorna de igrexa parroquial.
    • En Loiro, os veciños gozan do parque do Tanatorio e Museo Etnográfico (ao pé do río), a alameda situada na entrada (estrada de Celanova) e a Aira dos Canastros.

 

  • Botade conta. De todo iso ocúpase a brigada municipal que hai un ano que ten como responsable a Rodrigo Piñeiro Domínguez, profesional do eido dende 2009. El mesmo explícanos que de todos eles, o “máis complicado” no momento de traballar é o situado ao carón das oficinas municipais da Valenzá, onde tamén está a Casa da Mocidade. “Ten moita pendente e pode ser perigoso, se non tés habilidade coa maquinaria”, concreta.
O nova cortacéspede multiplica a rapidez e seguridade nas zonas verdes en ladeira como a do parque dos Amieiros (montaxe fotográfica para visualizar esa mellora). 08/03/23. foto Rosa Veiga
O nova corta-céspede multiplica a rapidez e seguridade nas zonas verdes en ladeira como a do parque dos Amieiros (montaxe fotográfica para visualizar esa mellora). 08/03/23. foto Rosa Veiga
  • Neses parques e espazos que atende a  brigada, os traballos son constantes “e non damos feito”, indica o responsable.
    Unha vez o ano hai que podar as árbores;  as plantas e flores de estación repóñense dúas veces cada ano. “Hai que sumar os imprevistos como as beirarrúas que están vellas e teñen vexetación entre as lastras, a limpeza de camiños despois dunhas semanas de choiva e calor…” engade.

 

  • Parte do equipo que se ocupa deste mantemento continuo está na foto de cabeceira diante da nave de material e persoal en Barbadás: o concelleiro de Medio Ambiente, Parques e Xardíns,  José Rafael Sierra Carril (esq.) co encargado do mantemento de parques e xardíns Rodrigo Piñeiro Domínguez (der.) e co operario do tractor José Ramón (centro) , que traballa para Medio Ambiente e para Obras e Infraestruturas

 

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1711719246

SINGLE.1711719246