03/01/2022

Convocatoria de axudas da Xunta de Galicia para incentivar altas no emprego autónomo e favorecer a competitividade de negocios xa en marcha

A Xunta convocou o 30 de decembro de 2021, no Diario Oficial de Galicia (DOG) dúas ordes coas que pretende impulsar e favorecer á competitividade das persoas traballadoras autónomas na comunidade.

Así, actívase unha primeira liña de axudas de promoción do emprego autónomo que suporá apoios de ata 10.000 euros para altas neste réxime.

A outra das iniciativas pretende, a través do Bono Autónomo, consolidar ata 3.200 negocios con traxectoria de traballadores por conta propia, con axudas que poden chegar aos 3.000 euros.

Apoios para inicio de actividade

Esta liña de financiamento establece incentivos de 2.000 euros para apoiar o inicio da actividade dos autónomos, duplicándose a contía ata os 4.000 euros para os menores de 30 anos, os parados de longa duración e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. As cantidades poden incrementarse nun 25% no caso do que as persoas beneficiarias sexan mulleres, emigrantes retornados, maiores de 45 anos ou no caso de que a empresa estea emprazada nun concello rural, entre outros supostos. Así, as axudas máximas poden alcanzar os 10.000 euros.

Poden optar a estas axudas as persoas dadas de alta no RETA, noutro réxime especial por conta propia ou en mutualidades profesionais entre o 1 de outubro de 2021 e o 30 de setembro de 2022. É preciso ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude da axuda e que se desenvolva en Galicia, entre outros requisitos. O prazo de solicitude permanecerá aberto desde mañá ata o 30 de setembro de 2022.

Bono Autónomo

A Xunta apoiará  con ata 3.000 euros a consolidación dos negocios duns 3.200 traballadores por conta propia. Hoxe arranca a sexta edición deste programa co que o Goberno galego apoia servizos e investimentos encamiñados á mellora da competitividade empresarial ou profesional dos autónomos que conten cunha antigüidade superior aos 42 meses.

O programa incorpora dúas liñas de axudas. Unha primeira, para dar apoio ao desenvolvemento de plans estratéxicos, de márketing, comunicación de negocio, proxectos de eficiencia enerxética ou de transformación dixital, entre outros. E a segunda,, que ofrecerá financiamento para a compra de maquinaria ou ferramentas, reformas para mellorar a eficiencia enerxética ou o local, adquisición de material de oficina ou equipamento informático, deseño de páxinas web, etc.

O prazo de solicitude abrirase durante un mes a contar desde o próximo 14 de xaneiro.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211230/AnuncioG0599-281221-0002_gl.html

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211230/AnuncioG0599-291221-0003_gl.html

Novas, Promoción económica

CONTENT.1733942904

SINGLE.1733942904