19/01/2024

Convocatoria de Subvencións Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria de dúas subvencións:

1- Plan Galicia emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento TR342C)

Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e condicións que se establecen nesta orde. Tamén poden ser beneficiarios dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para subscribir contratos con persoas con discapacidade, e as empresas de inserción laboral, excepto para subscribir contratos con persoas en situación o riesgo de exclusión social.

Obxecto

Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar para o ano 2024, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia as axudas establecidas pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade que favorezan a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria (e entidades sen ánimo de lucro), especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral, coa finalidade de seguir paliando os prexuízos económicos sobre o mercado de traballo, derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 e agravados pola invasión de Ucraína por parte de Rusia.

A orde regula o Plan de Galicia emprega (código de procedemento TR342C) de incentivos á contratación por conta allea e á formación dos colectivos vulnerables recollidos no artigo 25.1.a), a través de dúas liñas de axudas:

1. A liña de incentivos á contratación por conta allea que inclúe catro modalidades de axudas:

a) Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

b) Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

c) Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.

d) Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.

2. A liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo, de carácter opcional, dirixida ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial por medio desta orde.

Importe

Para a concesión destas axudas destínanse dezasete millóns catrocentos cincuenta mil euros (17.500.000 €), distribuídos do seguinte xeito:

– Persoas mozas: 3.000.000 €.

– Persoas paradas de longa duración e/ou persoas de 55 ou máis anos: 2.000.000 €.

– Persoas emigrantes retornadas e estranxeiras: 2.000.000 €.

– Mulleres: 7.000.000 €.

– Persoas con discapacidade e/ou en risco ou situación de exclusión social: 3.000.000 €.

– Para todos os colectivos anteriores, no caso de que a entidade beneficiaria sexa una entidade sen ánimo de lucro: 500.000 €.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día 26 de xaneiro de 2024 e rematará o 29 de setembro de 2024

2-Subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I)

Persoas beneficiarias

1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

2. Para o caso da liña 1.1, poderán ser beneficiarias das axudas as empresas titulares de adegas vinculadas a establecementos turísticos. As adegas beneficiarias da subvención deberán inscribirse como recursos turísticos no REAT antes do remate do período de xustificación.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación teñen que coincidir cos datos achegados pola persoa solicitante da subvención.

No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

3. Poderán ser beneficiarias destas axudas as pequenas e medianas empresas (en diante, pemes) e grandes empresas que proxecten levar a cabo un proxecto localizado na Comunidade Autónoma de Galicia, considerado subvencionable ao abeiro do regulado nestas bases. Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán acreditar a categoría da empresa de que se trate, pequena, mediana ou grande, no momento da presentación da solicitude de axuda.

4. Para os efectos destas bases, consideraranse pemes as empresas que respondan á definición de peme establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

5. Non poderán obter a condición de beneficiarias:

a) As persoas ou entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas prohibicións realizarase mediante declaración responsable da persoa ou entidade solicitante.

b) As empresas que se encontren en situación de crise, de acordo coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014). A acreditación deste requisito realizarase mediante declaración responsable da entidade solicitante, sen menoscabo das accións de comprobación que poida realizar para estes efectos a Axencia de Turismo de Galicia.

c) As empresas que se encontren suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles fose outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lles viñesen atribuídas na concesión.

d) No caso de que a subvención supere os 30.000 euros e a entidade solicitante estea incluída no ámbito de aplicación subxectivo da Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais, e cumpra os requisitos establecidos no artigo 258 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de sociedades de capital, para os efectos de presentación de conta de perdas e ganancias abreviada, as empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na mencionada lei.

e) Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia de Turismo de Galicia nos últimos dous (2) anos.

6. Deberá acreditarse, por calquera título válido en dereito, a propiedade dos inmobles ou predios obxecto da actuación ou calquera outro dereito que autorice o beneficiario para a realización do investimento subvencionado e que permita, igualmente, a explotación do establecemento ao longo de todo o prazo de duración da obriga de manter a actividade prevista no artigo 23 destas bases.

7. Os requisitos para ser persoa beneficiaria deberán cumprirse na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8. Unha vez ditada a resolución de concesión, os cambios na persoa beneficiaria da subvención, por cambio na titularidade do establecemento, terán que ser previamente autorizados pola Administración concedente e darán lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o/a novo/a titular subrogarase na posición xurídica de beneficiario/a da subvención e nas obrigas dimanantes desta.

Obxecto e réxime

1. Estas bases reguladoras teñen por obxecto establecer as condicións para a concesión de axudas a establecementos turísticos para actuacións de adecuación de establecementos enoturísticos que permitan a posta en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos de Galicia, a creación de experiencias enogastronómicas e a creación e ampliación da oferta de aloxamento vinculada ao sector turístico enogastronómico de Galicia (código de procedemento TU503I), así como proceder á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedará suxeito ao Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15 de decembro).

Actuacións subvencionables e contías

Pódense diferenciar tres tipoloxías de proxectos subvencionables:

a) Liña 1: adecuación e embelecemento de establecementos enoturísticos.

Trátase de proxectos de reforma e rehabilitación de establecementos turísticos para a posta en valor de servizos de enoturismo, entendidos como aqueles servizos específicos de adega e desenvolvemento de actividades dirixidas ao coñecemento e á divulgación de todo o relacionado co viño e a viña, a súa elaboración, crianza, coidados, servizo, harmonías, cata e degustación.

Tamén se inclúen proxectos de adecuación de adegas, vinculadas a establecementos turísticos, que permitan ser visitadas polos/polas turistas. Inclúe a implantación dun proxecto novo ou ampliación dun proxecto existente, que poderá consistir na adecuación do centro para a recepción e atención de visitantes, adecuación do percorrido para visita, así como os espazos destinados a exposición ou museo.

O establecemento turístico obxecto da axuda deberá estar vinculado a unha adega e/ou a parte dos seus viñedos, de xeito que cumpra os seguintes requisitos no momento de presentación da solicitude de axuda:

– Deberá contar con adegas propias ou acordos con adegas onde se informe sobre o proceso de elaboración, crianza e conservación do viño. Deberá tratarse de viños con Denominación de Orixe Protexida ou que conten coa certificación Viños da Terra.

– Deberá ofrecer un servizo de visitas á adega e/ou viñedos, dirixidas por profesionais especializados/as.

A adega obxecto da axuda deberá estar vinculada a un establecemento turístico de aloxamento ou restauración, de xeito que cumpra os seguintes requisitos no momento de presentación da solicitude de axuda:

– Deberá xerar sinerxías no sector turístico, mediante o deseño de experiencias enoturísticas que involucren distintos axentes do sector do aloxamento e da restauración (hoteis, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas, albergues turísticos ou establecementos de restauración que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, e inscritos no REAT). O establecemento turístico vinculado á adega poderá ser da mesma titularidade ou ben contar cun acordo para o desenvolvemento da experiencia.

– O proxecto deberá incluír a posta en valor de viños con Denominación de Orixe Protexida ou que conten coa certificación Viños da Terra.

Para a acreditación dos requisitos anteriores, deberá achegarse unha memoria explicativa do proxecto enoturístico, con indicación das actividades que se van desenvolver, as adegas involucradas nas actividades e o persoal profesional que realiza o servizo de visita, ben sexa persoal propio da entidade con experiencia acreditada, ben un/unha profesional que conte coa habilitación de guía turístico/a.

Así mesmo, deberá achegarse documentación que acredite que a entidade solicitante é titular da adega, ou ben, no caso de que a adega teña outra titularidade, o acordo asinado entre as partes cunha duración de, polo menos, tres (3) anos. Non será necesaria a achega do acordo asinado para o caso de establecementos turísticos e adegas que formen parte das Rutas do Viño de Galicia, caso en que será suficiente coa achega do certificado de adhesión.

b) Liña 2: proxectos dixitais vinculados a recursos turísticos enogastronómicos.

Proxectos dixitais promovidos por establecementos turísticos de aloxamento e restauración para a posta en valor de produtos vitivinícolas e gastronómicos de Galicia que contan cuns requirimentos de calidade demostrada, tanto polos factores naturais en que se desenvolven como pola elaboración humana, así como aqueles que garanten que superaron os controis e as normativas de calidade establecidas tanto na súa elaboración como na obtención das súas materias primas, creación e deseño. Inclúe os produtos que conten con Denominación de Orixe Protexida de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade.

Inclúe a creación de programas de desenvolvemento de contornos intelixentes que favorezan experiencias de turismo enogastronómico para os/as visitantes (conectividade, uso de aplicacións móbiles, realidade aumentada, creación de contornos de realidade virtual, xogos, visitas virtuais…).

Tamén inclúe o desenvolvemento tecnolóxico aplicado ao márketing turístico, a personalización, o desenvolvemento de contidos audiovisuais de calidade e o uso de ferramentas interactivas (photocall interactivo, cartelaría interactiva…).

O proxecto dixital que se desenvolva deberá acreditarse na memoria explicativa que se achegue coa solicitude.

c) Liña 3: ampliación e mellora da capacidade de aloxamento do contorno turístico para a posta en valor da enogastronomía de Galicia.

Proxectos de reforma e ampliación en establecementos turísticos de aloxamento que impliquen a dotación de novas prazas de aloxamento, respecto das inscritas no REAT, e que estean vinculados á posta en marcha de experiencias enogastronómicas, tales como visitas en orixe que poñan en valor o proceso de creación da materia prima, o seu coidado, recolección, procesamento, elaboración do produto final, así como experiencias interactivas de cociña ou showcooking, degustacións e catas. As experiencias deberán incluír entre os seus produtos principais, polo menos, un produto que conte con Denominación de Orixe Protexida de Galicia, Indicación Xeográfica Protexida de Galicia, a certificación Viños da Terra ou que dispoñan do selo de destino Galicia Calidade.

A experiencia enogastronómica que se desenvolva deberá quedar acreditada na memoria explicativa que se achegue coa solicitude.

A intensidade da axuda será ata un 80 % do custo total subvencionable do proxecto e o investimento neto admitido será, como máximo:

– No caso da liña 1 (liña 1.1 e liña 1.2): ata 250.000 €.

– No caso da liña 2: ata 50.000 €.

– No caso da liña 3: ata 250.000 €.

Cuarto. Bases reguladoras

Resolución do 21 de decembro de 2023 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións a proxectos turísticos para o fomento do turismo enogastronómico, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-NextGenerationEU, e se procede á súa convocatoria por anticipado de gasto para o ano 2024, con carácter plurianual (código de procedemento TU503I).

 Importe

1. As axudas previstas nesta convocatoria financiaranse cun crédito total de 5.500.000 euros, imputables á aplicación orzamentaria 04.A2.761A.770.0, proxecto 2022 00001, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2024 e 2025. O orzamento divídese en tres liñas de actuación subvencionables: a liña 1-Adecuación e embelecemento de establecementos enoturísticos, cun orzamento de 1.255.000€ para a liña 1.1 e 1.355.000 € para a liña 1.2; a liña 2-Proxectos dixitais vinculados a recursos turísticos enogastronómicos, cun orzamento de 590.000 €, e a liña 3-Creación e/ou ampliación e mellora da capacidade de aloxamento do contorno turístico para a posta en valor da enogastronomía de Galicia, cun orzamento de 2.300.000 €.

 Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de cinco meses, contados a partir do día 20 de xaneiro. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Período de execución dos investimentos subvencionables

Os gastos subvencionables deberán estar realizados e pagados entre o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG e o 30 de setembro de 2025.

As persoas beneficiarias das axudas quedan obrigadas a acreditar, como data límite o 30 de setembro de 2025, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lles foi notificada.

 

Data Adxuntos
19/01/2024 Plan Galicia emprega de incentivos á contratación PDF [1 MB]
19/01/2024 Subvencións turismo enogastronómico PDF [1 MB]

Novas, Promoción económica

CONTENT.1716260936

SINGLE.1716260936