26/08/2024
2024-2025 – Novo curso na Escola Infantil de Barbadás
Comezo o 3 de setembro
A nosa Escola Infantil Municipal conta cun total de 102 prazas, distribuídas en 7 unidades para nenos e nenas de 0 a 3 anos.
Sabemos que os primeiros anos de vida son fundamentais para o desenvolvemento dos nosos pequenos e pequenas. Por iso, valoramos enormemente a comunicación entre a familia e a escola. Para facilitar esta conexión, ofrecemos diversas ferramentas e recursos, como axendas escolares, unha aplicación móbil e titorías. A colaboración e a implicación diaria de ambas as partes son esenciais para alcanzar os nosos obxectivos.
Os primeiros días na escola representan un cambio significativo para os nenos e as nenas, xa que implica separarse, aínda que sexa por unhas horas, da contorna familiar onde senten seguros. Nestes momentos, é crucial que a actitude da familia sexa positiva. É importante transmitirlles a ilusión de comezar esta nova etapa. Algunhas rutinas que poden axudar son:
– Preparar xuntos a mochila.
– Manter a calma durante o momento da separación.
– Falar con entusiasmo sobre a escola e as marabillosas profesionais que coñecerán.
É fundamental lembrar que a adaptación non ten un tempo fixo; cada neno e cada nena é único e o seu proceso dependerá das súas circunstancias individuais. Na nosa Escola Infantil, comprometémonos a facer que este período de adaptación sexa o máis sinxelo e agradable posible, axustándonos ás características de cada alumno/a.
En breve, iniciaremos o novo curso 2024-2025.
Estamos aquí para acompañarlles nesta fermosa viaxe!
Data | Adxuntos |
---|---|
26/08/2024 | Curso 2024-2025-Barbadás-Pautas Escola Infantil (en PDF) PDF [7 MB] |