24/07/2022
David percorre o mundo dende a Valenzá en moto, e na rede social Instagram
Sociedade en Barbadás
- David Díaz Carneiro ten case 11.500 seguidores no seu Instagram chamado “David en moto” onde atopamos un ser humano pegado a unha moto, ou a dúas, que están na lista dos seus amores, encabezada pola súa muller Cristina Oliveira e dúas fillas de 14 e 19 anos.
- “Tiven moto de novo pero algún amigo morreu en accidente con unha e comecei a terlle tanto respeto que deixei de usala, non a collía nin para ir ao traballo”, comeza o seu relato.
- Leva 28 anos vivindo na Valenzá, traballou en Carrefour e aos 35 anos os seus riles deixaron de funcionar, así que viuse obrigado a acudir periodicamente a sesións de diálise ás que comezou a ir nunha “scooter” marca Derby Sabana.
- Despois de 4 anos de espera, e unha petición da súa filla para que os “Reis Magos” lle trouxeran un ril a David, a familia celebra cada ano que volveu nacer o 4 de xaneiro de 2016, cando foi transplantado. “Volvín nacer e varios amigos que o entenderon así tamén, fixéronse carné de doante nese momento”, asegura.
- Entre os cambios que chegaron á vida familiar coa súa doenza está o feito de que é el quen se ocupa da casa, compra, xantar e das urxencias domésticas; e tamén a chegada de novas motos a casa. “Cando demos unha volta os dous na Derby, Cristina animoume a mercar unha máis grande”, e agora ten un “parque móbil” motorizado con unha BMW F800S e unha Triumph Tiger 800
- Agora que viaxa case sen parar nas súas motos, cambiou tamén a súa apreciación dalgúns destinos. “De pequeno odiaba Portugal porque tiña que ir obrigado para mercar toallas coa familia, e agora é o meu lugar favorito, onde os condutores teñen respecto polas motos e fan sitio se as ven polo retrovisor”.
- Dicir que viaxar en moto é o mundo de David non semella esaxerado cando narra os encontros con outros moteiros de toda España: para unha viaxe de Chaves ata Faro xuntáronse afeccionados de Vitoria, Guipúzcoa, Asturias e Madrid, que pasaron xuntos varios días de cámping, e fano unha ou dúas veces cada ano.
Dende a Valenzá… ao mundo
- Na pandemia, as restricións de mobilidade animárono a visitar lugares preto de casa. “Por primeira vez fun pola capela do San Bieito de Cova de Lobo, por exemplo, e descubrín os hórreos de Loiro e a zona da Boutureira, na raia con San Cibrao das Viñas”.
- A maiores das tarefas domésticas e familiares, David implícase en “retos” como o da “mochila solidaria” para dar apoio á asociación de Lugo “Somos Unidos por el Cáncer” .
“Entre os moteiros fixémola circular, e cada un que a recibe deixa dentro algo simbólico de cada cidade. A min tocoume ir recollela a León e levala ata Vigo no inverno, no meu caso deixei dentro uns adhesivos, licor café e chourizos, e cando rematou en decembro do 2021 fixeron sorteo de dúas mochilas, porque se xuntara moitísimo material”, relata.
- Comezaron a chegarlle colaboracións dende Mallorca e cambia produtos de limpeza por visibilidade. “En Instagram coñecín a moteiros de toda España e cada vez que fago unha viaxe intercambiamos tamén adhesivos que nos identifican e nos manteñen en contacto para calquera idea que xurda”, detalla.
- Máis aló da raia peninsular, David quere ir con Cristina ata Roma en moto. “Cando casamos o seu pai estaba enfermo e non puidemos facela viaxe de vodas e quedou pendente e tamén me gustaría coñecer en moto os fiordos de Noruega”.
- En calquera momento da conversa, David conta detalles da súa doenza, a evolución e o seu agradecemento “á todo o equipo de nefroloxía do CHUOU, médic@s, enfermeir@s, persoal de limpeza, auxiliares, a toda persoa que traballa alí”, polo que considera a súa segunda vida.
- Acordamos con el comezar a utilizar novos “hagstags” nas redes como #dendeBarbadásenmoto… a ver se o facemos visible tamén.
- Boa viaxe David e compaña!!!