08/03/2024

Declaración institucional con motivo do 8M

Día Internacional da Muller

Declaración institucional con motivo do 8M - Concello de Barbadás

Como todos os anos, o Concello de Barbadás, súmase á conmemoración do 8M – Día Internacional das Mulleres, reafirmando o seu compromiso coa igualdade de xénero en todos os espazos da vida política e social local.

 

Dende o Concello de Barbadás asumimos a necesidade de avanzar cara unha representación paritaria de mulleres e homes nas corporacións locais e así o levamos á práctica na realidade do nosos concello. En xeral, na política local estanse a dar pasos importantes como é ter pasado nos últimos vinte anos de dezaoito a sesenta alcaldesas no ano 2023, o que supón o 22% dos concellos galegos. No caso das concelleiras, a presenza das mulleres ascende ao 40%. Estes avances non son suficientes e estas cifras teñen que seguir medrando xa que os datos reflicten que, aínda que se están dando importantes pasos nos liderados femininos, as mulleres seguen estando infrarrepresentadas nos espazos máis importantes de toma de decisións do eido local e, polo tanto, os espazos políticos en xeral seguen estando moi masculinizados.

 

Aínda que recoñecemos os avances, queda moita labor que desenvolver ata conseguir que a sociedade sexa un espazo onde a igualdade sexa unha realidade polo q é preciso abordar tanto as barreiras estruturais  como as actitudes e percepcións que perpetúan a discriminación e garantir que todas as persoas accedan ás mesmas oportunidades.

 

O compromiso do Concello de Barbadás pasa pola promoción da participación das mulleres na vida política e social local, mediante accións de sensibilización, capacitación e fomento do liderado feminino e, por suposto, pola incorporación da perspectiva de xénero de forma transversal en todas as nosas políticas, garantindo que se tomen en conta as necesidades e a realidade específicas das mulleres e das nenas nas nosas accións, pola aplicación de medidas para garantir a igualdade salarial e de oportunidades no emprego promovendo a participación equitativa de mulleres en todos os niveis e sectores sociais.

 

Consideramos imprescindible seguir impulsando campañas de prevención e sensibilización contra a violencia de xénero, e a través do CIM, como recurso específico do Concello de Barbadás para a promoción da igualdade e a loita fonte a violencia de xénero, continuar dando apoio integral ás mulleres vítimas e traballando na erradicación da violencia machista, xa que esta é a expresión máis miserable da desigualdade de xénero.

 

Dende o Concello de Barbadás amosamos o noso firme compromiso coa igualdade, a través do deseño, elaboración e apoio de todas as políticas públicas necesarias para mellorar a vida das mulleres do noso concello. Debemos seguir traballando na consolidación dos avances sociais en materia de igualdade tendo como horizonte unha sociedade máis feminista, xusta e igualitaria.

 

Barbadás, 8 de marzo de 2024

Igualdade, Novas

CONTENT.1719092930

SINGLE.1719092930