13/03/2020
Declaración institucional do rexedor de Barbadás ante o Coronavirus
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO ALCALDE DE BARBADÁS, XOSÉ CARLOS VALCÁRCEL, ANTE A SITUACIÓN DE EMERXENCIA SANITARIA COMO CONSECUENCIA DO CORONAVIRUS COVID-19
Diante da situación de emerxencia sanitaria na que nos atopamos como consecuencia do Coronavirus Covid -19 como Alcalde de Barbadás e en nome propio e de toda a Corporación Municipal, solicito de toda a veciñanza a máxima colaboración para dar cumprimento de todas as instruccións que emanen do Goberno de España, da Xunta de Galicia e tamén desde o Concello de Barbadás.
Cumprir con todas elas resulta fundamental para poder atender axeitadamente a todas aquelas persoas que se vexan afectadas por este virus e, ó mesmo tempo, poder evitar a propagación do mesmo.
Desde o Concello estase traballando desde onte dia 12 na toma de decisións que non teñen outra finalidade máis que propiciar a atención de todos os veciños e veciñas de Barbadás, mantendo os servizos esenciais e protexer a nosa saúde.
Insto a toda a veciñanza a que eviten sair dos seus domicilios e facer desprazamentos que non sexan estritamente necesarios.
Tamén se solicita que se cumpran os Bandos publicados dende a Alcaldía.
Sinalar que dende esta tarde están pechados todos os parques infantís e zonas deportivas. Esta mañá se de procedeu ó peche de locais socias e diversos servizos municipais.
Solicito que os veciños e veciñas de Barbadás cumpran con todas as indicacións que se están facilitando no que atinxe a comportamentos e hábitos de hixiene que se trasladan desde as institucións sanitarias.
Quero trasladar o gran agradecemento de toda a Corporación Municipal a todos os traballadores e traballadoras municipais e especialmente a Protección Civil e á Policía Local polo traballo e esforzo realizado durante a xornada de hoxe.
Por suposto agradecer tamén a todo o persoal sanitario a súa dedicación e colaboración.
Finalmente pedir á cidadanía que manteña a calma dado que resulta fundamental para que podíamos sair canto antes desta situación excepcional.
Moitas grazas.
Un cordial saúdo,
O Alcalde,
Xosé Carlos Valcárcel Doval