17/05/2026
Declaración Institucional polo Día das Letras Galegas

O Concello de Barbadás conmemora e celebra o Día das Letras Galegas este 17 de Maio de 2026 compartindo o recoñecemento público á Begoña Caamaño, xornalista e escritora, cunha vida e obra profundamente marcadas polo seu compromiso local e social. A autora representa moi ben o espíritu da celebración: calidade literaria, defensa do galego e compromiso coa sociedade.
A corporación local celebra dedicarlle o Día das Letras Galegas a unha persoa cunha clara influencia local, moi vinculada as súas dúas cidades vitais: Vigo e Santiago de Compostela.
Nada en Vigo en 1964, Begoña Caamaño comezou alí a súa traxectoria profesional como xornalista, deixando unha pegada indeleble desde os seus inicios en Radio Popular e Radio do Noroeste, ata a súa definitiva incorporación á Radio Galega en 1989.
Catro ano despois proseguiu o seu labor na Radio Galega xa dende Santiago de Compostela ata 2012, sendo unha gran defensora dos medios públicos galegos e da súa función de proporcionar á cidadanía información e contidos precisos para poder decidir con liberdade e responsabilidade. Defendeu unha información de calidade e condicións laborais xustas, sendo a presidenta do Comité Interempresas da CRTVG de 2000 a 2003.
Como escritora, Begoña Caamaño destacou polo seu innovador labor nas súas novelas, “Circe ou o pracer do azul” (2009) e “Morgana en Esmelle” (2012), que foron pioneiras na reinterpretación feminista dos mitos. Nesa liña, cabe destacar o seu compromiso social e feminista, xa que o seu traballo estivo moi ligado á defensa da igualdade entre homes e mulleres, aos dereitos civís e á xustiza social. Nas súas historias, sempre apostou por mulleres protagonistas e cuestionou os relatos tradicionais.
Coa súa homenaxe, Begoña Caamaño convértese na sétima muller á que se lle adica o Día das Letras Galegas desde 1963, un número moi inferior ao dos homes distinguidos co maior recoñecemento da literatura galega. Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, María Mariño, María Vitoria Moreno, Xela Arias, Luísa Villalta, e agora Caamaño, son as escritoras homenaxeadas ata o de agora.
Na conmemoración do Día das Letras Galegas, o Concello de Barbadás atende o seu obxectivo de promover a cultura e a lingua galega no marco das competencias que o ordenamento xurídico lles atribúe ás corporacións locais de Galicia.
Historicamente, o municipalismo galego tivo un protagonismo decisivo na reivindicación do galego e na defensa da súa extensión social, participando activamente, xa en democracia, na “Declaración do Hostal dos Reis Católicos”, subscrita en 1984, en Santiago de Compostela, por 184 alcaldías de todas as tendencias políticas e de todos os puntos da xeografía galega.
Defendían a implantación do galego nas administracións públicas en Galicia, tanto no seu uso, como no seu coñecemento para o acceso ao emprego público.
Na actualidade, Barbadás continúa a defender a vixencia e a extensión do galego, garantindo a convivencia harmónica, e potenciando a presencia do galego nas novas canles derivadas do desenvolvemento das novas tecnoloxías da información e da comunicación.
Por mil primaveras máis para o galego.