29/09/2022
Entrega de premios da V edición do “Barbadás a bocados”
COVA DO SAVIO E O RECUNCHO, HOSTELEIROS GAÑADORES NOS APARTADOS DE XURADO POPULAR E PROFESIONAL RESPECTIVAMENTE
Hoxe ao mediodía entregáronse os premios aos hostaleiros/as participantes no “Barbadás a bocados”
- Este mediodía efectuouse a entrega dos premios aos mellores pinchos coa presenza do alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, a concelleira de Comercio, Marga Pérez, e as persoas responsables dos establecementos hostaleiros que coñeceron “in situ” os resultados dos concurso.
- Marga Pérez agradeceu “aos participantes e ao público que degusta os pinchos propostos de cada ano porque sen eles non tería razón de ser este evento. Grazas tamén a eses votos da poboación, que depositan nas furnas e de onde saen os pinchos/establecementos premiados pola votación popular”.
- Pérez indicou que “todos vós, tanto público, como colaboradores, xurado, como hostaleiros/as sodes esenciais para que este evento vaia adiante. Un evento cuxo obxectivo principal e primordial é apoiar a hostalaría do noso concello e dinamizar tamén a vida do noso municipio de Barbadás.”
“Segundo as valoracións, e remitímonos ás valoracións que nos fan chegar os propios responsables dos establecementos hostaleiros, tanto o venres como o sábado, houbo moita xente, moita participación. Este resultado para nós é a maior recompensa. Un traballo que se fai sempre dende o cariño e con moita ilusión”, sinalou a edil de Comercio..
- En canto ao número de pinchos “estivemos moi moi preto de acadar os 5.000 pinchos vendidos. Unha cifra que consideramos importante e que danos unha idea da afluencia que tivemos aquí, no noso concello de Barbadás, esta fin de semana”.
- Pérez anticipou que “seguiremos traballando para acadar en vindeiras edicións mellores resultados. Quero aproveitar tamén a ocasión de hoxe para animar a eses hostaleiros e hostaleiras que non participaron nesta edición para que se animen e participen o ano que vén porque, cantos máis mellor. Entre todos e todas podemos facer que este concurso de `Barbadás a Bocados´ sexa un concurso moito mais grande”.
- O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, reiterou o agradecemento a participantes no concurso e ao público que acudiu, así como ao xurado “porque o que se pretende con esta actividade, con este evento é potenciar e dinamizar a actividade económica en Barbadás, neste caso concreto na Valenzá. É a primeira vez que hai participación por parte de hostaleiros e hostaleiras de fóra de A Valenzá. Queremos dinamizar con elo todo o concello no aspecto hostaleiro que xa ten unha gran calidade. Esa calidade hai que pola enriba da mesa. Nunca mellor dito, púxose enriba da mesa e quedou contrastada e pretende que aquí a Barbadás acudan veciños e veciñas pero tamén persoas que non viven no noso concello”.
- Valcárcel indicou que “prestixiar ao noso concello pasa neste caso por prestixiar á hostalería porque é a ferramenta de traballo, o sector económico que máis visibilidade ten en Barbadás.
Hai unha gran cantidade de establecementos de hostalería. Non participaron todos, pero como tamén dixo Marga é importante que participen, animar, vós mesmos que participastes, pondo en evidencia cales foron os resultados deste concurso. Creo que é unha forma de dar a coñecer o establecemento, de prestixiar a ese establecemento e de coñecer as súas viandas, os pratos que ofrecen. En moitas ocasións hai locais que en Barbadás si que son coñecidos, na Valenzá, pero non o son fóra do noso entorno. 5.000 pinchos vendidos, quere dicir que non só acudiron veciños e veciñas de Barbadás, senón que tamén acudiron de Ourense, Toén seguramente e en xeral, de toda a contorna.
“Este tipo de eventos implican “unha publicidade gratuíta e pon en ubicación o que é ese establecemento e a participación é esencial, e que se máis establecementos participaran, evidentemente non serían 5.000 senón que ao mellor poderían ser 10.000 pinchos. De aí é esencial o voso traballo que creo que se vai ver recompensado por ese público e co prestixio que pode dar un premio. A participación é esencial, ademais aporta unha rendibilidade económica que o final é do que se trata tamén”.
- En alusión ao sector da hostalaría asegurou o rexedor que “para vós trátase de obter rendibilidade económica e é unha aposta do Concello esencial para que a hostalaría volva a dinamizarse despois do gran parón que experimentou ao longo destes anos”.
- “A visibilización e fundamental, o apoio é fundamental. Aquí Marga, a concelleira de Comercio, está facendo un gran traballo tamén, e vós colaborando con ela porque é a forma de avanzar. Dar as grazas e os parabéns aos gañadores e por suposto tamén, aos participantes porque non todo o mundo pode gañar pero a participación é esencial”, comentou Valcárcel.
- Dende o xurado deron os parabéns a todos os/as participantes polo seu entusiasmo e pola súa participación e parabéns o Concello porque iniciativas coma esta son moi interesantes e sempre dinamizan a economía dos pobos.
- Manuel Bustabad Rapa, en nome do xurado, comentou que “sempre é difícil ser xurado, e mais en esta ocasión porque a calidade dos produtos presentados non se pon en discusión en ningún dos casos. Foron 10 establecementos participantes e a calidade en todos eles está contrastada, uns produtos magníficos ao igual que o entusiasmo de todos. Cando chegas ás votacións hai un gran equilibrio, gran igualdade de puntuacións entón é cando entran os matices que son os que rompen o final esa decisión. Os matices son simplemente, os detalles, un compoñente que desequilibra, unha cuestión de tamaño, cuestións menores e entramos xa no detalle. Esa é a única razón o final que nos leva a unha votación.
Os que non están nestes dous primeiros lugares teñen unha calidade enorme. sorprendímonos pola calidade, polos sabores e polo bo produto. O mesmo que pola gran animación de xente degustando os pinchos. Os nosos criterios foron difíciles e o final limitados ao detalle.”
- Ao final do acto, déronse a coñecer os premios, tanto da votación popular como do xurado profesional.
O primeiro premio do público foi para A Cova do Savio e no acto estivo Santiago Castro recollendo o diploma de recoñecemento.
O segundo pincho máis votado polo criterio popular foi o de o bar O Recuncho, cuxo premio foi recollido por Jesús García.
- O xurado profesional elixiu coma mellores pinchos o do Bar O Recuncho e en segunda posición o de Sport Bar Daytona, cuxa responsable é Raquel Otero.
- No acto de entrega de premios tamén se fixo mención de firmas comerciais que apoiaron este evento: Cervexa artesá A ESMORGA, O COLMEAR DO DANIEL (Mel e Polen – Coto de Ousande) e FROIZ Supermercados de Confianza.
- A este acto de hoxe, asistiron tamén algunhas das persoas que resultaron premiadas, por depositar o seu voto nas furnas, no sorteo de agasallos que aportaron os establementos participantes e as empresas colaboradoras.