16/03/2025
Éxito de participación na II Carreira pola Igualdade de Barbadás

- Cerca de 400 persoas de todas as idades percorreron hoxe as principais
rúas da Valenzá para reivindicar a igualdade de xénero - Ao finalizar a proba, houbo sorteos de máis dunha vintena de premios
entre os inscritos
As rúas da Valenzá tinguíronse hoxe de rosa coa II Carreira pola Igualdade de Barbadás. A cita, enmarcada na programación do 8M do Concello, congregou a cerca de 400 persoas de todas as idades que gozaron dunha xornada deportiva, reivindicativa e inclusiva. A concelleira de Igualdade, Elisabet González, agradeceu a elevada participación e remarcou a importancia de acadar unha sociedade xusta para homes e mulleres. “Hoxe gañamos todos e todas”, asegurou.
Antes de dar comezo a proba, Fernando González, veciño con mobilidade reducida e participante na carreira, dirixiuse aos presentes para reivindicar a necesidade de lograr unha inclusión real. “Todas as persoas temos un lugar no mundo e a inclusión e a ponte que nos permite descubrir todo o que podemos facer xuntos”, sinalou.
Ao remate da carreira, como novidade, houbo sorteos de máis dunha vintena de premios para os inscritos (xamóns, bonos para o comercio local, almorzos e incluso un móbil). O Concello de Barbadás agradece a implicación das empresas colaboradoras: Supermercado Otero Barbadás, A Cova do Sabio, Floristería Zeltia, Supermercado Froiz, Cafetería Kibu, Peluquería Anuska, O Colmear de Daniel, Frutas Jofesa, Consultoría Marta Ana Valado, Coren, Tapería Vely, Tenda Donicela, Restaurante O Chicote, Seguros Mapfre, Librería Moraima, Peluquería A nena das tesoiras, Ourenmatel, Bar Pepito, MarcaValado, Helbagraf e Duatel.