19/06/2025

Fado, espectáculos circenses ou pop rock para amenizar as noitiñas dos xoves de verán en Barbadás

Verán cultural
  • O Concello impulsa un ano máis o Verán Cultural, un referente de oferta artística na contorna que inclúe nove espectáculos nacionais e internacionais
  • O concerto da Banda de Música Infantil de Barbadás inicia a programación
  • “Somos un referente cultural na comarca de Ourense”, destacou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel

O Concello de Barbadás impulsa un ano máis o Verán Cultural, a proposta cultural que cada noitiña de xoves leva ao parque dos Patos actuacións e espectáculos artísticos. “Somos un referente cultural na comarca de Ourense, polo que convidamos a toda a poboación, non só á de Barbadás, a desfrutar do Verán Cultural”, sinalou o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, na presentación da programación. 

 

Esta “cita obrigada”, en palabras de Victoria Morenza, tenente alcalde e concelleira de Parques e Xardíns, inclúe nove espectáculos de música, teatro, circo, títeres e clown. “A tarima xa está montada e a programación, lista”, apuntou Morenza, quen tamén animou á veciñanza a desfrutar da cultura nun entorno natural e refrescante. 

 

O Verán Cultural conta coa participación de artistas locais, como é o caso da Banda de Música de Barbadás ou o grupo En Mala Hora, pero tamén de artistas nacionais, como a compañía circense Finestra Nou Circ, e internacionais, como Desastronauts ou a fadista Marlene Rodrigues, que inundará de nostalxia e sentimento o parque dos Patos. Inventi Teatro, Trécola Producións e o grupo musical Gin Toni’s completan a programación da cita estival en Barbadás. 

 

A primeira cita, coa Banda de Música Infantil

 

O Verán Cultural arrancará a próxima semana da man da Banda de Música Infantil. Neste caso, a actuación será o mércores, á hora habitual (21,00 horas). “O mércores actúa a banda infantil e o xoves, a xuvenil”, explicou Marga Pérez, concelleira de Educación. 

 

Pola súa parte, Ana Peleteiro, edila de Cultura, detallou a programación do verán, que inclúe oferta para todos os gustos: “Dirixímonos a público de todas as idades, sempre cun enfoque interdisciplinar”. Este ano, haberá circo, teatro, títeres e música en directo. “O que se pretende é que a veciñanza desfrute da cultura, porque en Barbadás a cultura non colle vacacións. Teremos circo contemporáneo, acrobacias, clown, noite de fados, música das décadas douradas do pop e rock español…”, apuntou Peleteiro. 

 

Programa “En Barbadás o verán é cultura 2025”

 

2025-A3-Barbadás-Cultura verán

Cultura, Novas

CONTENT.1770460435

SINGLE.1770460435