09/09/2021
Fátima pasou do xornalismo deportivo a unha notaría dixital, dende Sobrado
Emprendemento en Barbadás
- Fátima é veciña de Sobrado do Bispo, reside en Madrid polo momento, e a súa historia familiar comezou na mesma aldea de Barbadás con ida e volta dende Lisboa. Ela vive agora en Madrid, onde o seu traballo pasou do eido do xornalismo deportivo en televisión ao das notarías dixitais, na modalidade de teletraballo nos últimos meses, moitos deles dende Sobrado.
- Os bisavós de Fátima eran de Sobrado do Bispo e emigraron a Lisboa. Os seus avós ían e viñan entre Portugal e Barbadás cada verán, así que o pai e a nai de Fátima coñecíanse de pasaren os veráns xuntos en Sobrado “e namoraron, casaron en 1983 na igrexa de Santa María, na aldea na que quedaron a vivir”, recita ela.
- “Os meus avós viñan en taxi dende Lisboa até Bentraces, e dende alí chegaban a pé até Sobrado do Bispo pola pista da Virgueira”, narra para lembrar a conexión familiar cos dous países. Ela mesma é socia do Benfica de Lisboa e tamén o é xa o seu fillo, o pequeno Breogán.
- Fátima estudou un ciclo superior de Comunicación Audiovisual en Vigo, o que a levou a Televigo durante a etapa de prácticas e retomou estudos outros cinco anos en Valladolid. “O programa Erasmus fíxeno en Lisboa, onde aínda teño familia”. As prácticas correspondentes fíxoas no Diario de Pontevedra onde o seu tema favorito eran os deportes.
- “Para ver na televisión gústannos todos, dende fútbol até hockey a patíns, pasando por ciclismo, así que fixen en Madrid un mestrado de xornalismo deportivo que me levou a Mediaset en 2012, primeiro de prácticas e despois bolseira”, engade Fátima.
- Comezou facendo cada xoves un programa da Liga Europa (antiga UEFA e cos dereitos cedidos á empresa na que ela traballaba). A Eurocopa do verán de 2012 con-levou o seu primeiro contrato e logo foi ligando moitos máis, mes a mes, con tres meses inactivos por cada mes de traballo, e así até 2017, sendo reporteira con información de competicións nos telexornais.
- “Entrevistei a moitos protagonistas do eido futbolístico, e despois, en Estados Unidos, a xogadores de baloncesto”, lembra con ledicia.
- Hai 4 anos recibiu unha oferta de traballo diferente, grazas a saber falar tamén o portugués e aceptou formar parte do equipo da empresa de “notaría dixital” Logalty
- Comezou na empresa como documentalista e pasou despois ó servizo de atención ó cliente , todo vía “en liña” o que facilitou o seu paso á modalidade de teletraballo cando chegou o confinamento por COVID-19 o 11 de marzo de 2020.
- “Dende ese día aínda non volvín pola oficina e nese tempo traballei, tiven un fillo e veño por Sobrado do Bispo sempre que podemos porque a calidade de vida é moito maior”, concreta e amósase convencida de que poderá compaxinalo todo no futuro, cando desaparezan as restricións por pandemia.