16/10/2020
FESTIVAL INTERNACIONAL DE TEATRO DE OURENSE – FITO
Mañá sábado 17 de outubro, ás 21h. ESTREA da obra “O RARO É QUE BAILAR SEXA RARO” a cargo de ANDREA QUINTANA, será no Auditorio Manuel María de Barbadás (A Valenzá)
SIPNOSE:
Isto vai de ir de cámping ao teu corpo, de montar unha festa no interior. De escoitar o fluxo do sangue. Bailar dende aí, cos xeonllos flexibles, accesibles. De mover o aire, desordenalo todo e seguir bailando.
De facerse residente do teu corpo, de estar e deixar de estar á vez. De permanecer no tránsito e ocupar ese espazo. Isto vai de bailar bailando.
Esta bailarina non ten trucos de maxia preparados. O seu material coreográfico é basto e ás veces incompresible, fracasa nos xiros coa perna esquerda. Esta bailarina nunca quixo ser Giselle.
Con todas nós:
un corpo en rebelión, atravesado,
sublevado,
a bailarina non normativa,
a bailarina faquir,
a taumaturga,
a subalterna.
Esta é unha peza autobiográfica sen biografía, unha lea de identidades, un trampantojo dramatúrxico. Unha peza participada na que ninguén participa.
Debido ás restriccións só haberá 30 entradas para cada sesión.
Recollida de invitacións na Casa da Cultura.
Concellaría de Cultura de Barbadás