15/10/2021
Festival Internacional de Teatro de Ourense FITO
Cartel de Paula Malik
O venres 15 de outubro ás 21h. actuación de PAULA MALIK co espectáculo “BANDA ANIMAL”, será na Sala da Casa da Cultura Manuel María de Barbadás.
Sinopse:
En escena, a recoñecida paiasa Paula Malik é “A Mestra Divarius” quen dirixe unha singular orquestra de 18 bonecos de plástico, integrado por elefantes, poliños ou porcos con quen logrará interpretar temas musicais que van desde Carmina Burana ata Julio Jaramillo. Este atrevido e cómico espectáculo busca sacar a animalidade dos asistentes convidándoos ao xogo e a imaxinación como un remedio infalible contra o tedio cotián.
Desde a linguaxe do clown, esta paiasa narra as historias destes personaxes congregados na “banda de reinserción Zoo- cial” na que os animais maltratados, esquecidos ou en situación de risco, descobren o verdadeiro talento que dará sentido ás súas vidas. Sutilmente, a obra incorpora mensaxes con contido político, animalista e crítico do sistema, pero mantendo unha linguaxe absurda.
Aínda que estes bonecos de plástico teñen unha pequena escala sonora cos seus asubíos, a Mestra Divarius logra sacar deles as súas historias máis intimas e traxicómicas, por exemplo, preséntanos a un golfiño rosado do Amazonas que se puxo amarelo pola contaminación. Un poliño equilibrista desempregado dun circo que se converte en dobre de cinema, e un reno que traballaba con Papá Noel, pero terminou decepcionado coa perda do espírito do Nadal.
Entrada con invitación ata completar aforo (recollida das invitacións na Casa da Cultura)
Espectáculo recomendado a partir dos 5 anos en adiante.
Organiza: FITO Festival Internación de Teatro de Ourense.
Colabora: Concellaría de Cultura de Barbadás.