06/02/2024
Fomento comunica ao Concello que se fará cargo da retirada de escombros na baixada ao campo de fútbol
A Corporación de Barbadás celebrou onte á tarde un pleno ordinario no que se debateu, entre outros asuntos, sobre a retirada de escombros na baixada ao campo de fútbol, a raíz dunha moción presentada polo PP que instaba ao Concello a levala a cabo. A tenente de alcalde, Victoria Morenza, anunciou que Fomento comunicou a Concello que se fará cargo desta actuación nun prazo dun mes, xa que os terreos son do Ministerio. A edila insistiu en que “a retirada dos entullos corresponde ao titular dos terreos e ten un custo de 7.000 que non debe afrontar as arcas municipais de Barbadás”.
O goberno local presentou unha enmenda para instar a Fomento a intervir por ser o titular dos terreos, se ben non prosperou. Daniel Rey, conselleiro de Disciplina Medioambiental, indicou que, segundo informou a Confederación Hidrográfica, “non se trata de vertidos de alta perigosidade para o cauce fluvial”. Os concelleiros do grupo de goberno votaron en contra da moción ao non aceptarse a enmenda e o resto a favor.
Na sesión plenaria tamén se debateu sobre o servizo de ludoteca. O Partido Popular presentou unha moción en relación ao incremento da taxa polo uso do espazo infantil, que pasa de 3 euros a 30 euros anuais, aplicando bonificacións en función de distintas condicións persoais ou laborais. Tamén se axustan horarios por tramos de idade para que non sexan discriminatorios.
Marga Pérez, concelleira de Educación, explicou que non é un servizo de ludoteca, senón un espazo infantil e engadiu que “non é unha taxa, é un prezo público” e que “antes de chegar a este incremento fíxose un estudo económico de material, limpeza, persoal, luz, auga, reparacións, investimentos de mellora”. A edila afirmou que o custo anual real é de preto de 300 euros ao ano, mentres que o cambio é cobrar prezo público de 3 euros ao mes. Indicou que a hora sae a 0,003 euros á hora, mentres que na empresa privada o custo por hora é de 4 euros por hora.
O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, subliñou que este servizo ten unha atención personalizada: “Hai que valorar a actuación que se realiza dende a administración pública. Estamos sufragando con 260 euros por neno/a ao ano para manter un servizo”. A moción foi rexeitada cos votos en contra do grupo de goberno, a abstención do BNG e Partido Galego.
Si que prosperou a moción do BNG para demandarlle á Xunta a concreción de accións para paliar as consecuencias da “marea plástica” nas costas galegas. O BNG esixe á Xunta que faga efectiva a colaboración dos concellos poñendo á súa disposición todos os medios técnicos, materiais e humanos suficientes para facer fronte á crise ambiental. O goberno local presentou unha enmenda pola que o Concello de Barbadás esixe á Xunta apoio económico ás administracións locais que utilicen os seus medios propios. Xosé Carlos Valcárcel lembrou que Asturias e Cantabria declararon con prontitude o nivel de alerta 2 de xeito que o goberno central puido actuar, ao contrario do que aconteceu en Galicia. Todos os grupos votaron a favor, a excepción do PP.
Tamén no pleno ordinario de onte nomeouse como xuíz de paz a Luis Miguel Mosquera tralo falecemento de José Luis Rodríguez Cougil.