05/03/2022
Geni coseu centos de máscaras no confinamento e, sendo patronista téxtil, segue a preferir a costura
Solidariedade en Barbadás
- Con Geni abrimos unha parte da historia recente, a da propia pandemia, pero nos comezos… aló por marzo de 2020… E non poderemos nunca falar daquel momento sen falar das costureiras de Barbadás, que aportaron material e horas de traballo na casa cando había tempo para facer de todo. Elas e tamén algún costureiro decidiron… coser.
- Naquel grupo, María Eugenia Da Costa Forneiro era unha das máis novas, vivía e vive na aldea de Barbadás, preto da vella fábrica de cerámica e porcelana Galos, na que traballaran os seus pais, cando estaba a pleno rendemento.
- Pasada aquela tempada de necesidade de protección e de confinamento, despois de coser centos de mascariñas semanais (episodio do que ela non nos falou) Geni volveu aos poucos ao seu traballo no taller de costura que abriu no barrio da Carballeira.
Costureira vocacional
- Sempre quixo coser, e aínda que no cole non estaba a gusto, sempre quixo aprender para mellorar … e así é a súa vida. Con 21 anos comezou a pasalo ferro e con 22 marchou a un taller que traballaba para Adolfo Domínguez en Maceda.
- “Comecei na prancha e pedín que me pasaran á máquina de coser, aos poucos, para non baixar moito a produción, e xa vin que me gustaba moito”, lembra Geni.
- Pasou tres anos aprendendo coa máquina de coser e despois decidiuse a estudar patronaxe. “Erguíame cada día as 5,30 horas para entrar no taller de Maceda ás 7,00 e cando saía ás 15,00 ía cara Baños de Molgas, para as clases da Escola Felicidad Duce, que tamén tiña aulas en Allariz”.
- E así conqueriu o título oficial de patronista téxtil, que lle serviu para optar a un posto de traballo diferente. “Con 29 anos aceptáronme como axudante de patronista na fábrica que tiña a empresa no polígono de San Cibrao das Viñas, porque cumpría tódolos requisitos, e por riba eu quería seguir aprendendo”, narra.
María Eugenia Da Costa Forneiro. Costureira de Barbadás, no seu taller . 24/02/2022 Foto:Rosa Veiga
Patronista e volta á costura
- E aprendeu: ao cabo dun ano era encargada da xastrería da liña U da empresa ourensá e Geni deixou de coser durante 11 anos, ata que lle propuxeron trasladala a Madrid e ela rexeitouno.
- “As novas condicións non me interesaban e decidín deixar ese traballo e montar un negocio nun baixo da familia”, e refírese ó seu taller “Texabel” na rúa Filomena Dato do barrio ourensán da Carballeira.
- Comezou a traballar nel con unha amiga e cando ela atopou traballo, Geni seguiu porque se sinte “a gusto, porque é menos agobiante que manter unha produción nunha empresa”. Así que foi probando, con arranxos de roupa, con unha liña de roupa de nen@, comezou a construír a súa páxina web, buscou comerciais…
- “É complicado montar unha empresa e moitas cousas foron quedando a medias, agora teño clientela continua e podo comezar a pensar de novo en proxectos”, detalla.
- Conta con espazo suficiente para os arranxos de roupa e, neste momento, ten unha parte ocupada por traxes de noiva, de madriña e de primeira comuñón dunha amiga a prezo de saldo, ata remátalos.
- “Quixera dar clase de patronaxe para brindar a outras persoas coñecemento e práctica para traballar nunha empresa, porque aínda que eu teña o título oficial, descubrín que é moi básico para o posto de traballo”, e Geni pensa xa en buscar tempo para reformar o seu local, “e tentareino antes de que remate este ano”, concreta.
- Precisará axuda de alguén máis no taller porque, xa agora, non fai traballos por falta de tempo, por exemplo, traxes de Entroido.
- Polo momento seguirá cos habituais arranxos pero xa pensa nos cambios que precisará facer… e en seguir aprendendo, e pasar de novo ao eido do patronaxe, seguramente dando clases e quizais recuperando a idea de facer unha liña propia de roupa.