15/07/2021

Hai 76 anos da riada en Pontón  

Sociedade en Barbadás

Maria e Ricardo de Barbadás
  • O 15 de xullo de 1945 era domingo e o xornal La Región adicou parte da páxina 4 e a última a unha “enorme tromba de agua” que afectara ás beiras do río Barbadás/Barbaña dende as 23,30 do día 14 ata un par de horas máis tarde.

 

  • Nese mesmo día “Italia declara la guerra a Japón”, no contexto da Segunda Guerra Mundial, prodúcese un morto na provincia arrollado por un tren, celébrase Santa Mariña na aldea de Piñeira de Arcos e ábrese a fase inicial do xuizo contra Pétain, que rematará con unha sentencia de condena a morte e conmutación desta pena por outra de prisión.

 

  • As persoas que vivían nos concellos de Taboadela, Cartelle, Celanova, Barbadás, Ourense…viviron unha realidade tráxica, afectadas pola treboada: danos incalculables en todos eles pero nos dous últimos perdéronse vidas humanas río abaixo… algúns lembran a cifra de 25, entre veciños de Pontón (Barbadás) e dos barrios ourensáns situados entre O Polvorín e o Couto. No xornal recóllense datos de 6 persoas desaparecidas nos sucesivos e diarios artigos que adicou ao ocorrido, un día na portada e o resto espallados pola media ducia de páxinas que, podía tela publicación, naquel momento.

 

Testemuñas daquela noite

  • Nas aldeas de Muíños e Pontón viviuse aquela noite de hai 76 anos en primeira liña. Veciños das dúas aldeas como Ricardo, María, Balbina ou Olga gárdana na memoria.

 

  • Ricardo Borrajo Rebollo naceu en Muíños e daquela noite, tiña 4 anos e medio, lembra que “sentíronse tremer as casas e moito ruído”, e o seu pai colleuno ao lombo para fuxir cara a casa dos tíos en Cimadevila polo camiño que seguían habitualmente para ir a misa na igrexa do San Xoán, en Barbadás.

 

  • So quedaron en Muíños a que foi despois miña sogra, Aurora, e a señora Paulina, que non se decataron de nada, detallou. Do día seguinte lembra tamén o asombro dos seus pais “porque despois da choiva e a riada, a leña ardía moi ben como si o ocorrido fose algo tipo volcán”.

 

  • Nos seguintes días, Ricardo e a súa familia descubriron que os muíños “do Rufino” e o que estaba no Pisco, da familia “do Pepe, do bar” desapareceran, igual ca pontiña que permitía pasalo río nese tramo.

 

  • En Muíños as casas están sobre penedos e salváronse todas, mentres que en Pontón “cinco persoas marcharon co río e un veciño máis salvouse porque puido agarrarse a un cambón que aturou a riada”, lembrou.

 

  • Segundo lle contaban, o río Inchafoles e o regato de Pontón (que ven de Loiro e Bentraces) xutáronse e fixeron tapón na Boutureira e cando rebordou o tapón, a auga levou consigo pedras, árbores e o que atopou.
Maria e Ricardo - Barbadás
Maria e Ricardo – Foto: Rosa Veiga

 

O peor en Pontón e Ourense

  • María Balvís Rodríguez vivía en vive en Pontón, tiña 10 anos cando ocorreu a maior riada sufrida na provincia de Ourense.

 

  • Na súa familia estaban despertos porque despois dunha treboada “normal”  a avoa Nieves “veu para dicirnos que marchaban as casas polo río”.

 

  • Pronto soupemos que marcharan ca auga Dolores, os seus 4 fillos e o veciño Andrés que tiña unha casa moi boa de dous pisos pero el estaba maliño e díxolle á súa muller que se salvara”.

 

  • Lembra a Lucita “a rapaza do muíño que contou que en canto puxo o pé no camiño para fuxir, a ponte e o muíño desapareceran”. No seu pobo as augas levaron o muíño de Ponte Soane “pero reconstruírono despois”, matiza.
casa Ponton
Casa de Pontón

A “terrorífica y trágica” noite na prensa

  • Polo que respecta á cidade de Ourense, augas abaixo, o xornal La Región relatou que as rúas Colón e Libertad “quedaron inundadas” e os barrios do Polvorín, Camelias e o “barrio do Pan” (baixo a praza de Abastos) sufriron perdas humanas e “incalculables danos” por desaparición de vivendas, animais e terra cultivada, igual que augas arriba.

 

  • La mayor catástrofe se produjo en Pontón donde la avalancha de agua y materiales arrastrados adquirió proporciones aterradores y produjo el mayor número de víctimas.

 

  • No percorrido da avalancha de rochas e árbores, o río ensanchouse “considerablemente” ao chegar a Villaescusa, e despois na Carballeira chegou a ter 100 metros, onde antes tiña apenas 2 metros. Dende o Polvorín (xa en Ourense) a ponte non puido conter nin dar saída á auga e alí “se desparramó hasta los 150 metros de ancho”, segundo o relato xornalístico.

 

  • Levouse a “antiquísima” Ponte Pelamios enteira “pero la avenida rugiente y galopante no pudo con el nuevo puente del Couto ni con el nuevo Puente Pedriña en el Miño”.

 

  • Os datos que aínda recordan os veciños de Pontón, constan completos no xornal: en Pontón,  desapareceron Dolores Santos Menor e os seus fillos Digna, Rosa, Joaquín e Luciano. “Vimos al esposo y padre desventurado, Modesto Feijóo, enloquecido de dolor y espanto”. Tamén morreu Andrés Enríquez Docasar que vivía na casa de dous pisos, na que puido salvarse a súa esposa.

 

  • “Familias de Pontón reducidas a total miseria”, pola perda de casas, campos de millo, viñas, hortas, estacas…”todo arrasado”, segundo o rexistro de danos que o xornal fixo nos primeiros días posteriores á riada.

 

  • En Villaescusa, a familia do muíño tivo tempo xusto para saír del e ver derrubarse as catro paredes da que fora a súa casa.

 

  • Na Carballeira “se escuchaban gritos de socorro” e no Polvorín asolagáronse as vivendas de 6 ou 7 familias que puideron salvarse a tempo ou saíron ao tellado, onde esperaron axuda. No Pozo do Inferno (actual barrio das Camelias) salvouse a familia dun tenente da Garda Civil “con el agua por la cintura y momentos antes de que la casa se viniese abajo entera”.

 

  • O tramo do Barbaña entre o Polvorín e a prisión provincial foi o máis “castigado” e nel desapareceu Generosa Castro, de 80 anos, e os danos materiais foron dende avarías na panificadora “La Molinera”, importantes danos na casa de baños “La Moderna” de Rosendo Varela, ata a desaparición de terras de cultivo, animais, unha finca do Polvorín de varios propietarios que o converteran en “zona de copas  con merendero y sombras”.

 

  • Nas primeiras reaccións para dar auxilio nesa noite de sábado, acendéronse fogueiras e os coches xuntáronse para enfocalas súas luces cara o tramo do río máis destrutor, para o salvamento de persoas, corpos e enseres.

 

En Pontón, comisión veciñal para axudar

  • Un día despois da catástrofe, foron aparecendo aguas abaixo no río Miño algún dos corpos desaparecidos, unha máquina de coser, trabes, valados…

 

  • Tamén se constatou a aparición de “desaprensivos que aprovechándose de la desgracia ajena, se han apropiado de efectos y enseres de las casas destruídas a consecuencia del desbordamiento del río Barbaña”, e dá un prazo de 24 horas para a súa devolución nos postos da Garda Civil ou na alcaldía “del barrio correspondiente”.

 

  • O Gobernador Civil Antonio Martín Ballestero e percorreu os lugares afectados dende o mércores seguinte, 18 de xullo, acompañado por 2 xornalistas. No xornal detallan que en Pontón organizouse unha comisión veciñal “que abrió una suscripción en favor de los afectados”, e o propio “Gobierno Civil” organizou a recepción de doazóns económicas durante as primeiras semanas.

 

  • No rexistro de doazóns, están dende a do “Caudillo” Francisco Franco, de 100.000 pesetas, a de Almacenes Alfredo Romero de 1000 pesetas, concello de Vigo 5000… e ducias máis que se ían engadindo ás de institucións como Deputación, Dióceses e o propio Goberno Civil.

 

  • O día 1 de agosto unha gala especial no Xesteira (cine/teatro) “en beneficio de los damnificados del Barbaña” con un programa que incluíu a película “Cena a medianoche”, actuacións da Coral de Ruada e una do “recitador de cuentos gallegos” Xuliño.

 

  • Ningún destes relatos xornalísticos vai acompañado de imaxes. O día 3 de agosto de 1945 publica a crónica “Por las tierras devastadas del Barbaña”  trala visita dun xornalista (descoñecido polo momento) que foi acompañado por unha persoa que debuxou o que viu.

 

  • Despois, o xornal recolle as doazóns feitas no Goberno Civil, durante os mesmos días que adica a portada e parte das súas páxinas a evolución do conflito armado “mundial”: o 7 de agosto lánzase a primeira bomba atómica contra Xapón e desátase unha epidemia de cólera en India, o 15 de agosto a declaración do fin da Segunda Guerra Mundial etc.

 

Aniversarios da riada na prensa

  • En sucesivos aniversarios, La Región adicou espazo a relatos arredor da riada.

 

penedo dos Muiños
Penedo dos Muiños

 

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1695763465

SINGLE.1695763465