26/02/2021
Historias do fútbol en Barbadás (1ª parte)
Manuel Morales é parte da historia deportiva deste concello,
- Manuel Morales e a súa familia personifican unha parte da historia deportiva deste concello, centrada no fútbol nos anos 70, como ocorría en moitos outros lugares.
- O seu tío materno Senén Padrón López fundou o club de Parada en 1971 e, tal como lembra Manuel, “un mestre de Parada chamado Jaime comezou a pensar en construír un campo de fútbol e entre varios, foron falando con veciñ@s e propietari@s para que cederan terreos”.
- O campo da Chaira fíxose así, no medio do monte, antes de que houbera estrada para chegar a el. Segue aberto e troca en campo de reserva cando o principal, construído na Valenzá, debe pechar para calquera reforma.
- Manuel comezou a xogar nese campo de Parada, cando tiña 15 anos, e xa non parou até 1991, despois de pasar por equipos como o do Pabellón (Ourense), Outomuro, Chantada, Arenteiro, Nogueira de Ramuín e o Lemos dos anos 90 en Terceira División, no que tamén xogaba o seu irmán Leopoldo.
- Mentres, en Barbadás, foron desaparecendo os clubs de fútbol de Sobrado do Bispo, Parada (este en 1997, tras celebrar o 25 aniversario), e máis tarde o de Bentraces (no 2004) para fusionarse na Unión Deportiva Barbadás, fundada, entre outros, por José Manuel Fernández (presidente) e o irmán maior de Manuel, José.
- “Eu voltei a Barbadás en 1994 para adestrar aos nenos e nenas de 12 e 13 anos, primeiro no campo de Parada, e a partires do 2000 no novo campo dos Carrís, que se inaugurou na Valenzá ese ano co primeiro partido da tempada de Primeira Rexional”, lembra.
- Escolleu en 2008 deixar de adestrar “por cansazo”, e para “adicar toda a ilusión” a coordinar as escolas deportivas municipais, e iso fixo até 2010.
- As escolas contan con 300 fichas de nenos e nenas e con por lo menos dous equipos por categoría e un grupo de 30 adestradores e monitores para o seu funcionamento. Todos adestran no campo dos Carrís, cada tarde a partires das 16,30 e disputan os partidos cada sábado. Barbadás tivo equipo feminino durante 4 anos que xogou en Segunda División nacional.
O fútbol en Barbadás é algo seu
- No campo de fútbol era lateral esquerdo “con compromiso total” en cada partido, e asegura terse divertido sempre, aínda que as pequenas doenzas físicas foron dificultándolle o xogo. “O mellor de todo foron as amizades que fun facendo e que hoxe atopo en calquera lugar onde vou”, destaca.
- Hoxe Manuel coida as instalación deportivas dos Carrís e, cando as restricións pola pandemia o permiten, goza vendo os adestramentos de pequenos e grandes, entre os que recoñece a fillos e fillas de xogadores que adestrou el mesmo en Parada hai anos.
- “Vexo o que pasa nos adestramentos e nos partidos e sinto que ese ambiente é algo meu, como me pasou sempre dende que xogo”.
- Ten unha filla que o acompañou nos terreos de xogo cando era pequena, e un neto ó que non levou a ningún partido aínda porque é pequeno “e para que sexa el quen escolla se quere ser futbolista ou non”. Manuel só desexa que o pequeno faga algún deporte “pero decidirá el”.