16/05/2022
Josu Santos reclama dende Barbadás oportunidades laborais para deseñadores novos coma el
Emprendemento en Barbadás
- Josu preséntase, sempre que xurde a ocasión, como o neto “do Pepe do Truco e da Basilisa” de Sobrado do Bispo (Barbadás), alí pasou parte da súa infancia e alí volveu tras rematar os estudos. Ás veces sente a necesidade de emigrar fóra de Galicia por tema laboral, como xa fixeran os seus avós cara Alemaña, pero non deixa de procurarse traballo, activamente.
“En España e en Galicia fálase moito de potenciar as novas promesas no deseño pero no eido laboral, en realidade, só dan traballo a deseñadores e patronistas sénior”, lamenta despois de anos de formación e só uns cantos meses de contratos.
“As empresas de moda de Galicia buscan sempre persoas con 5 anos de experiencia, pero eu non podo tela se nunca me collen para deseñar, e iso que non parei e vou tendo traballos en tendas”.
- Lembra a súa etapa en Nicandra (Verín) como axudante de patronista ou os meses de traballo nunha tenda do sector, en Ourense, ata hai unhas semanas.
- Fixo os seus estudos de Técnico Superior na Escola de Patronaxe de San Sebastián que escolleu entre as galegas e as do resto de España porque era unha escola innovadora, en proceso de “implantar aprendizaxe por proxectos dirixido ao traballo posterior en empresas externas”, detalla. Rematou estes estudos en 2017.
- Tamén foi axudante de vestiario no musical “Sueño de una noche de verano” durante unhas semanas de 2019 e antes tivera prácticas durante 4 meses na empresa “CausalyReal”, hoxe desaparecida. Despois das prácticas optou por volver a Barbadás “porque esperaba ter traballo no potente sector de confección e moda galegos”.
Encaixe en Camariñas, quizais desfile en Sobrado…
- Fronte á temporalidade laboral, no que si atopa continuidade é en desfiles e concursos como o que organiza cada ano o concello de Camariñas arredor do encaixe, ou na súa aldea, en Sobrado do Bispo, cando son as festas.
- O primeiro no que participou foi no organizado para a gala do comercio de Barbadás, na Valenzá no ano 2019. Alí tivo coñecemento doutro en Mondariz e comezou a xuntar e desenvolver ideas novas.
- En Camariñas participou nos últimos tres anos (2019, 2021 e 2022) nos que sempre foi finalista . Agora está a espera de novas convocatorias autonómicas e estatais, e da celebración das festas de Sobrado do Bispo no primeiro domingo de xullo, no que espera que este ano volva o evento do desfile.
“A convocatoria de Camariñas é moi especial para min, co traballo de preparar varias pezas fun evolucionando e profesionalizándome e descubrín o encaixe, que está a ser unha peza moi inspiradora para as miñas coleccións nas que o integro perfectamente”, asegura.
- A súa participación neste ano 2022 (foi en abril) tamén foi “especial” para Josu pois “só foi posible grazas a dúas persoas” que son os deseñadores Jaione Ventura e Álvaro Blanco, relata agradecido.
Encargos e pandemia
- Estuda a súa participación en novos concursos sen parar na súa actividade creativa. “Coso algo case todos os días, nalgún momento para o vestiario dunha cantante de discoteca móbil, e na pandemia para varias persoas que me descubriron en youtube”.
- Na pandemia, a finais de 2019, Josu creou o evento “¿Qué pasa en casa?” e animou ás persoas que tiñan roupa deseñada e cosida por el, a gravarse con ela posta. Editou un vídeo que recolle tódalas colaboracións, publicouno na súa canle de youtube e supuxo un pequeno salto para o deseñador que xa traballaba para eventos e seguiu a facelo.
- Escolleu esta profesional desde que estudou Educación Secundaria: cando estaba no segundo curso descubriu a serie televisiva “One tree Hill” na que unha das actrices interpreta a unha deseñadora. “En seguida me fixei nela e no seu traballo, pero eu non sabía nin unha árbore así que xa me puxen como meta estudar Bacharelato artístico e fíxeno na Universidade Laboral, en Ourense”. E aí comezou todo.
- Agora os seus deseños non parten dun debuxo plano. “Sempre parto da idea arredor dalgunha prenda que me motive e emocione se a imaxino feita e colocada sobre algunha persoa”, confesa.
- Mentres segue a súa procura activa dun traballo “no seu”, segue a deseñar e confeccionar para mulleres pola satisfacción que sinte “cando algo plano como é un cacho de tea trócase en segunda pel, con costuras e cortes que transmiten algo, hoxe pode ser unha imaxe atrevida, mañá delicada, noutro momento pasota…”
- Sorte na procura do traballo soñado!!
(Josu é “Yosuconjota” nas redes sociais)