09/04/2021

Juan Carlos Forneiro leva 38 anos investigando a historia de Sobrado

Emprendemento en Barbadás

JOSÉ CARLOS FORNEIRO CASAS. Foto: Rosa Veiga. 04/04/2021
  • Forneiro Casas é psicólogo  e sempre tivo facilidade para estudar Historia pero foi a Antropoloxía a que o levou a interesarse polo Patrimonio e Historia de Sobrado do Bispo, pobo no que naceu e vive, na mesma casa na que o fixeron antes os seus avós e os seus pais.

 

  • Juan Carlos estivo en Veiga de Nostre, nun pobo de montaña no concello de Campobecerros, baixo a tutela académica do antropólogo Antón Fidalgo Santamariña e de volta á súa casa quixo “facer o mesmo con Sobrado”.

 

  • “Comecei a gravar cancións e panxoliñas nas cociñas” e dende o ano 1983 recolle información “por puro pracer” no Arquivo Xeral de Simancas, no Histórico Provincial de Ourense, no Histórico de Galiza na Coruña, no Arquivo Diocesano. En todos conta xa con colaboradores que son de Sobrado ou coñecen a súas procuras.

 

  • “Empecei a buscar información por curiosidade, e as charlas co meu veciño Requeno (Antonio Vázquez Conde), xa falecido, sempre me deron pulo para seguir”. Por riba, o seu amigo pediulle que se animase a escribir un libro, e así o fará… en breve.

 

  • A publicación comezará no histórico coto de Louredo (situado entre santa Uxía e varios pobos do concello lindeiro de Toén) porque a primeira reseña histórica de Sobrado do Bispo está na documentación do traspaso do coto de Louredo ao bispo de Ourense en 1133, por orde real.

 

  • A cidade de Ourense fora arrasada polos normandos antes de 1022 e Alfonso VII (fillo de dona Urraca) quixo restablecelo coto do bispo polo que o ampliou catro veces nese ano, á conta de territorios que hoxe están nos concellos lindeiros, e mesmo Bentraces, Sobrado, Moreiras, Barbadás, A Valenzá, Piñor e Reza, até o Castelo de Louredo e a igrexa de San Martiño de Loiro.

 

De territorio de ampliación a sede episcopal

  • A palabra sobrado refírese a un faiado “ou parte alta” e hai 13 pobos con ese nome na provincia. O noso Sobrado refírese a parte alta da cidade de Ourense. Pero o nome fíxose máis longo no século XVI.

 

  • “Sobrado pasou a ser para os bispos de Ourense o lugar de  residencia no verán, como o é Castel Gandolfo para os Papas”, relata. O primeiro bispo que escolleu ese lugar para residir foi Francisco Blanco Salcedo que mandou construír o pazo da Mitra para vivir e como sede episcopal e fuxir así das pestes e da falta de hixiene nas rúas da cidade.

 

 

  • Para Forneiro, o pazo da Mitra articula toda a Historia de Sobrado, a pesares de ser abandonado de novo e derruído trala desamortización de Mendizábal en 1836. Pero aínda foi hospital, escola, refuxio de liberais e convento dente 1939, para unha congregación de relixiosas. A comezos do século XXI quedou baleirado e pechado. Conserva a fachada cos escudos dos bispos Blanco Salcedo e Eura.
JUAN CARLOS FORNEIRO CASAS. . Foto: Rosa Veiga 04/04/2021
JUAN CARLOS FORNEIRO CASAS. Foto: Rosa Veiga 04/04/2021

Topónimos e crimes

  • Os 13 capítulos do seu libro serán espazo para a historia, patrimonio, lendas, bandas de música, fútbol, restauración de topónimos…

 

  • Agora coñezo e poderei recuperar moitos nomes de lugares do pobo e arredores, pois algúns están hoxe cambiados e sen sentido, pero son sempre variantes dos orixinais que xa se usaban no século XIII”.

 

  • Entre eses topónimos “adulterados”, Juan Carlos cita a praza coñecida como “Acha do Souto” que en orixe era “A Chá do Souto” (un espazo chairo nun souto), na que había varios cruceiros que xa non existen. Outros como “Menfestada” de camiño cara o campo de fútbol, que en realidade é “Enfestada” (lugar con auga encorada), ou “Frontilleiro” que en orixe é “Forno Telleiro” (forno no que se fan tellas).

 

  • O libro terá tamén referencias a bandas de música, equipos de fútbol e acontecementos do pobo. Juan Carlos lembra un en especial: o asasinato dunha nena de 4 anos, en abril de 1914, para “sacarlle o sangue e transfundirlla a unha veciña enferma de tuberculose”. O corpo da nena atopouse nun monte comunal despois de que os pobos de toda a contorna se botasen ó monte durante 4 días para buscala.

 

  • “Impresionoume a crueldade e brutalidade do ocorrido, descritas nos documentos do xuízo, no que houbo varios acusados pero finalmente exculpados, porque eran inocentes”, segundo o investigador. O caso coñeceuse en toda España e desatou unha onda de terror a deixar que nenos e nenas saísen da casa e nas feiras cantáronse coplas de cego co acontecido en Sobrado.

 

  • O libro podería quedar rematado neste 2021 e en caso de chegar a publicarse, o autor pensa doar tódolos beneficios a actividades culturais desenvolvidas pola asociación cultural “Porta da Cadea” e pola coral “Voces e Cordas”, do seu pobo.

 

  • Juan Carlos traballa como Psicólogo Xeral Sanitario, é diplomado en Criminoloxía, perito xudicial e orientador escolar. Colabora ca asociación “Amigos do Patrimonio de Toén” e espera que o seu libro dea pulo a persoas e grupos de Barbadás para interesarse polo Patrimonio que abunda no municipio e non é coñecido.

 

Barbadás Quéreo Viveo, Novas, Promoción económica

CONTENT.1728654925

SINGLE.1728654925