18/09/2021
Justo Calviño publicará relatos con personaxes e lendas de Piñor
Emprendemento en Barbadás
- Na súa casa de Requeixo (San Lourenzo de Piñor) Justo Calviño centra enerxías en escribir “de case todo” e, trala paralización pola pandemia, quere tamén recuperar a actividade da asociación cultural “Música e Cultura de Galicia” que preside dende a súa fundación.
- A vida de Justo transcurre trufada pola cultura dende antes dos 20 anos, e agora que é avó e “apaixoado” da literatura, proxecta publicar a finais deste ano, 12 relatos infantís ilustrados por Ismael López , co título de “Os contos do avó”.
- Por eles discurrirán persoaxes ficticios pero tamén outros reais, como Carmen Martín Gaite (a escritora premio Nacional de Literatura, que inmortalizou en parte da súa obra as súas longas estadías familiares en Piñor nos anos 50 e 60 , o escultor Antón Faílde (veciño de Godexás durante a infancia), o seu Mestre canteiro Montero (tamén de Godexás) ou mesmo o rei Salomón, entre outros.
- “A idea deste libro ven do afán do meu neto por escoitar historias, e pídeme que llas conte dende hai un tempo, así que decidín poñelas por escrito”, lembra o autor. Os seus contos desenvólvense en escenarios reais de Piñor e outras aldeas de Barbadás, Toén, Baños de Molgas, Vilariño de Conso, Ribadavia e Xerusalén.
- Está pendente de publicación outro libro para lectores adultos, no vindeiro ano, con relatos “moi crús” como o da lenda arredor da “Pena Longa” do bosque do vello couto Louredo (en Santa Uxía). “A lenda da norte dos vellos narra que os anciáns das aldeas do Couto acuden acompañados dun fillo, a un gran penedo para despeñarse, cando se sinten maiores e faltos de enerxías”.
- Noutros relatos estará a condesa de Ribadavia Teresa de Zúñiga entre outros persoaxes históricos, para narracións tituladas “A folga xeral”, “Bailas conmigo”, “Brigantia”, “Pena de norte” etc.
Máis literatura arredor da Historia
- Hai anos que Justo escribe tamén relatos “históricos e exóticos” e algúns xa foron premiados . Así, “Después de la tormenta” foi seleccionado no certame anual da Federación de Funcionarios, ou “Media tarde en Quismayo”(nome dunha cidade de Somalia) e outro titulado “Amanece en Quismayo”, finalista nun concurso europeo, e baseado nun linchamento por causas relixiosas nunha cidade de Somalia.
- Entre os seus plans está publicar en 2022 un libro de relatos con escenario na cidade de Ourense, e tamén en Barbadás como o titulado “Pedra Longa” en alusión a un penedo do bosque de Louredo que, según unha lenda, era o lugar escollido polos anciáns para botarse abaixo e deixar de ser unha carga para a familia.
- Na traxectoria de Justo quedou atrás a súa etapa como concelleiro de Cultura de Barbadás, na que fixo unha “Guía de Barbadás” (2000), o libro “Barbadás, tradición y modernidad” (2003) , entre outras.
- Na mesma época era colaborador en diarios locais e deu pulo a recuperación de tradicións como a do Martes de Entroido. “Tamén se recuperou a batalla de Mouros e Cristiáns de Bentraces , celebrado até os anos 90 e documentado dende comezos do século XX, pero outras non se poideron revitalizar, como a corrida de galos de Piñor, Barbadás e Loiro, ou as clásicas batallas de sexos con lanzamento de pementón ou sal”, detalla.
Sempre na música, na cultura
- Justo foi cofundador e preside a asociación cultural “Música e Cultura de Galicia” que hai uns días trasladou a súa sede do centro de Formación Profesional da Farixa (na que estivo 10 anos), ás instalación do colexio San Pío X, no barrio ourensán de Mariñamansa. Outra nova dos últimos meses é a publicación do primeiro número da súa revista en papel .
- “A asociación fundouse con persoas moi interesadas na música, a maior parte delas da Valenzá (Barbadás), pero tamén de San Cibrán das Viñas, Taboadela e outros concellos próximos”.
- O colectivo conta con máis de 500 socios, 2 bandas de música, 2 charangas “Xente moza” e “Escachapeitos”, un grupo de Cantos de Taberna, cantareiras, acordeóns (“O son do vento”) e grupos de música de cámara como o de saxofóns “Folgos novos”, Guitarras “Cordas bravas”, clarinetes “Airiños de Barbadás” e metais ”Xente nova”
- Tamén una escola de música cun total de 360 alumnos e, con integrantes, socios e familias, organízanse cada ano varias actividades que xa se recuperarán no actual curso. Así, según relato de Justo, haberá un magosto e andaina o 24 de outubro, as xornadas do Nadal previstas para os días 17 e 18 de decembro, o Entroido con desfile de disfraces, unha “festa da primavera” lúdica e gastronómica.
- O fin de curso celebraráse co habitual (antes da pandemia) festival de música popular. Pola sua banda, a escola de música organizará en 2022 a 29 edición das “Xornadas das letras e a música de Galicia” no mes de maio, con actos literarios e musicais, e a entrega de premios do certame anual literario que leva o nome de Piñor.
- E xa nos irá decindo en que máis anda metido….