03/03/2025

Máis de 1.200 persoas participan no Desfile Infantil de Barbadás

Desfile Infantil Entroido
  • Escolares e docentes dos colexios Luis Vives, O Ruxidoiro e Filomena
    Dato e do Centro Ocupacional As Burgas encheron de cor as rúas da
    Valenzá 
  • Os mecos elaborados polo alumnado permanecerán colgados na
    Glorieta da Familia ata o final do Entroido

Os escolares de Barbadás foron os grandes protagonistas da mañá entroideira do venres na Valenzá. Máis de 1.200 persoas, entre alumnado e docentes dos colexios Luis Vives, O Ruxidoiro e Filomena Dato e do Centro Ocupacional As Burgas, participaron no Desfile Infantil impulsado polo Concello de Barbadás. 

Cada grupo saiu do seu centro pouco antes do mediodía para logo xuntarse na Glorieta da Familia, o epicentro da celebración. Alí os esperaban dous animadores nun pequeno escenario, dende o que se encargaron de poñer a banda sonora da xornada, así como de presentar aos centros participantes. 

Como colofón do Desfile, representantes de cada colexio subiron ao escenario para ensinar os mecos elaborados nas últimas semanas: Ruxiarte (O Ruxidoiro), Picassito (Luis Vives) e Filomena e peregrino (Filomena Dato). Os mecos permanecerán colgados na Glorieta da Familia ata o remate do Entroido.

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1747207925

SINGLE.1747207925