31/03/2025
Máis de 24 toneladas de toalliñas húmidas provocan graves avarías cada ano na rede de saneamento de Barbadás

- O Concello lanza unha campaña en redes para sensibilizar á poboación do impacto de desfacerse deste tipo de produtos polo váter
- A súa composición plástica impide a descomposición, polo que as toalliñas tupen as tubaxes, causan roturas na rede e sobrecargan os aliviadoiros
O Concello de Barbadás lanza unha campaña de sensibilización para concienciar á poboación do grave impacto de tirar as toalliñas húmidas ao váter. Cada ano, máis de 24 toneladas deste produto rematan na rede de saneamento municipal, o que provoca sucesivos atascos e avarías, tanto nas propias acometidas dos edificios como nas tubaxes xerais, co conseguinte gasto económico.
A composición plástica das toalliñas impide a súa descomposición unha vez que se lanzan polo váter, e basta a súa acumulación para causar sobrecargas e roturas de tubaxes, así como obstrucións nos aliviadoiros da rede. “Hai numerosas avarías ao longo do ano no concello, e a causa sempre é a mesma: as toalliñas”, explica a tenente alcalde, Victoria Morenza. A recollida de augas pluviais na rede tamén se ve afectada ao arrastrar estes produtos: “Nalgunhas zonas verdes da Valenzá, preto do río, saen toalliñas ao exterior das arquetas, porque a acumulación fai que se levanten as tapas”.
A campaña lanzada hoxe polo Concello de Barbadás propón alternativas á veciñanza, tales como tirar este tipo de panos ao lixo, en lugar de facelo ao wc, ou utilizar toalliñas biodegradables e respectuosas co medio ambiente.
Aumento do seu uso
Pese ás numerosas campañas destes anos centradas no grave impacto das toalliñas, os datos amosan que o seu uso vai en aumento. No ano 2024, estímase que 24,6 toneladas deste produto remataron na rede de saneamento de Barbadás, un 5% máis ca o ano anterior.
2022 | 2023 | 2024 |
24.559 kg | 23.408 kg | 24.600 kg |
Cabe recordar que as negativas consecuencias de desfacerse das toalliñas no váter non rematan nas tubaxes e depuradoras: os panos acaban por chegar a ríos e mares, onde poñen en perigo á fauna e flora dos ecosistemas.