01/12/2025

Máis de 50 familias adheríronse á compostaxe doméstica a través da campaña de concienciación do Concello de Barbadás

Entrega Composteiros
  • O goberno local organiza charlas coa veciñanza para dar a coñecer este tipo de reciclaxe e entregar composteiros aos participantes 

O Concello de Barbadás aposta pola implantación da compostaxe doméstica para avanzar na protección do medio ambiente. O goberno local continúa coa campaña de concienciación dirixida a toda a veciñanza que dispón dun pequeno terreo, e no que vai de ano xa son máis de 50 as familias adheridas á iniciativa. 

Nesa liña, o Centro Empresarial Transfronteirizo (CET) acolleu a pasada semana unha nova entrega de composteiros domésticos, ademais dunha charla explicativa das pautas básicas para iniciar correctamente o proceso de compostaxe no fogar. Un total de 17 familias adheríronse á campaña na charla, o que dá conta da importancia de impulsar este tipo de sesións informativas.

O goberno local anima ás persoas que aínda non se teñan sumado a facelo, lembrando que a compostaxe doméstica é unha ferramenta eficaz para reducir biorresiduos, diminuír o volume de lixo que chega a vertedoiro e contribuír a un modelo máis sostible e respectuoso co medio ambiente.

As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web (https://www.barbadas.ocaminosostible.gal). Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.

Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.

Novas

CONTENT.1770943076

SINGLE.1770943076