13/03/2024

Máis dun cento de alumnos e alumnas da Escola de Música de Barbadás participarán no Festival Solidario a favor de Alcer

O segundo xoves de cada mes de marzo conmemórase o Día Mundial do Ril e coincidindo coa proximidade desta data presentouse esta mañá na Casa Consistorial de Barbadás o Festival Solidario a favor da Asociación para a Loita Contra as Enfermidades Renais (Alcer). Ao acto asistiron o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel; a concelleira de Educación, Marga Pérez; o presidente de Alcer, Miguel Ángel Quintas; a coordinadora de Alcer, Carmen Dorado, e o director da Edcola de Música de Barbadás, Xohan Manuel Xil Páxaro.

O evento terá lugar este sábado, a partir das 19.00 horas, no Auditorio do Conservatorio de Música Profesional de Ourense. Máis dun cento de alumnos e alumnas da Escola de Música Municipal de Barbadás demostrarán o seu talento.

As entradas para asistir ao Festival Solidario a favor de Alcer poden retirarse no punto de información do centro comercial Ponte Vella por un importe de 5 euros. Aquelas persoas que queiran colaborar poderán facelo a través dunha transferencia e contarase cunha fila 0.

O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, insistiu na importancia de dar visibilidade ás asociacións que loitan polos enfermos e destacou o traballo que realizan en Alcer Ourense: “Foi pioneira en dar visibilidade a este tipo de enfermidades e na creación do movemento asociativo no ámbito da saúde. Deron impulso a outros colectivos para que comezasen a traballar en favor dos enfermos de diversas patoloxías”. O rexedor tamén insistiu na necesidade de transmitir os valores da solidariedade e a empatía con este tipo de iniciativas.

Precisamente para transmitir os valores da solidariedade naceu este festival solidario hai xa 9 anos e así o lembrou a concelleira de Educación, Marga Pérez, destacando o traballo de Alcer Ourense: “Leva dende 1981 axudando ás persoas con insuficiencia renal crónica. Fan un gran traballo e queremos insistir na importancia de doar órganos, porque non hai un acto de maior xenerosidade”.

O presidente desta asociación, Miguel Ángel Quintas, agradeceu ao concello a posibilidade de dar a coñecer a enfermidade renal, “que é unha gran descoñecida e é moi necesario normalizala para que os enfermos poidan facer unha vida o máis normal posible”.

 

 

Novas

CONTENT.1726131200

SINGLE.1726131200