27/12/2021

Mani Moretón fotografou en Piñor toda a obra de Antón Faílde, Acisclo Manzano e outros artistas

Sociedade en Barbadás

Mani Moretón en Concello de Barbadás
  • En Piñor, tralo campo de Roma, vive dende hai 30 anos o fotógrafo Mani Moretón. Chegou alí dende Ourense na procura dun lugar onde vivir e ter un estudo espazoso no que poder fotografar grandes obras de arte, no que puidera entrar unha furgoneta e unha grúa.

 

  • “Fixemos casa aquí e cunha lona montaba no exterior un estudo natural precioso, e todo resultou moi cómodo; nel fotografei as esculturas de Luis Borrajo, as obras de Jaime Quessada, de José Luis de Dios, de Enrique Ortiz…toda a obra de Faílde e de Acisclo Manzano … e refírome a fotografar, por exemplo, pezas de 300 ou 400 quilogramos, de aceiro cortén, de granito…”

 

  • Foi tamén a época brillante da empresa Galos de Barbadás, e Mani fotografou daquela tódalas pezas de cerámica, ademais de produtos de bodegas de toda Galicia. “Era o meu traballo”, lembra, agora que leva xubilado algo máis dun ano.

 

  • Antes de Piñor, viviu en Barcelona, no Ribeiro, Entrimo… “Esta de Piñor é a décima casa que teño, nun lugar marabilloso e moi cerca de Ourense”. De feito, baixa continuamente á cidade próxima, a media hora a pé polo camiño de Barxa, a carón do regato que vai cara o barrio de Vistafermosa. “Agora facer ese camiño a pé é correr risco continuo de atropelo porque está asfaltado e pasan coches”.

 

  • Tamén sae a diario ca súa cadela Tina, a mastín, cara San Bieito de Cova de Lobo e o penedo do Tangaraño pero tamén aí comeza a atopar atrancos pola presencia crecente de motos de trial no monte.

 

Todo Faílde na súa cámara

  • Unha exposición da obra de Faílde tivo o pulo do concello de Ourense en 2008, para conmemorar o centenario do nacemento do escultor. Mani Moretón fotografou daquela toda a obra en pedra, barro, mármore, bronce e madeira para o catálogo que acompañou á mostra.

 

  • Foi o comisario da exposición e escribiu no libro que as pezas eran dos anos 50 a 70 do pasado século, “nun tempo dificultoso para a liberdade e para a creación”.

 

  • Segundo o seu texto, Faílde “busca os motivos para a súa obra no seu contorno, orixinando un xeito propio de interpretar os sentimentos universais e irá evolucionando, canto máis, ao integrarse no faladoiro no que están Risco, Gómez del Valle, Otero Pedrayo, Trabazos, Xocas, Ricardo Outeririño, Tomás Bóveda, López Cid, Ferro Couselo, Santiago e Carlos Vázquez, Alvarado, Gimeno, Huete, Conde Corbal, Prego…. Xente que foi quen de asentar ambiente de vangarda nesta cidade”…

 

  • Pola súa banda, a Escola de Arte e Superior de Deseño de Ourense “Antonio Faílde” (EASD) conmemorou en 2007 o seu 30 aniversario co libro “O escultor que escoitou a música das pedras” editado pola Xunta de Galicia, coas fotografías de Mani. Neses anos cadraron así varias exposicións co respaldo do seu traballo fotográfico.

 

Mani Moretón en Barbadás
O FOTÓGRAFO MANI MORETÓN BRASA NA SÚA CASA DE PIÑOR. San Lourenzo de Piñor (Barbadás) 22/12/21

Todo é Patrimonio arredor

  • Lembra outros traballos como os que o levaron durante 3 anos cara a Ribeira Sacra, trala primeira proposta presentada para a súa declaración como Patrimonio da Humanidade polo Grupo Francisco de Moure . Coas súas fotografías publicáronse libros como “Persoas que pintan a paisaxe”  editado pola Xunta de Galicia, “Cromatismo divino” arredor da igrexa de Santa María de Nogueira de Miño (Chantada) con textos de Xosé Lois García  e outros.

 

  • Nos seus 42 anos de traballo, ademais de experimentar con todo tipo de cámaras (incluso unha de fotografía submarina de varios quilogramos de peso) fixo moitas fotografías do patrimonio que pervive na raia de Ourense con Portugal.Neses espazos creáronse castelos, refuxios … e consérvanse fontes, labores agrícolas, foxos de lobos, patrimonio marabilloso feito, en ocasións, con esforzo sobrehumano e ciclópeo, agora esquecido e derruído en parte”.

 

  • Comezou a fotografalo hai anos e foino deixando. “Habería que seguir con ese tema”, reflexiona.

 

  • No Patrimonio máis próximo a el, destaca as paisaxes naturais de Barbadás, como a zona que percorre ca súa cadela e o Couto Louredo, e lamenta non poder gozalos todos pola imposibilidade de camiñar sen sobresaltos nalgúns deles.

 

  • Este fotógrafo científico segue coas súas cámaras, a un ritmo diferente do laboral, e a súa curiosidade lévao, neste momento, a enfocarse nas lecturas e documentación histórica que ten espallada pola súa casa.

Barbadás Quéreo Viveo, Novas, Promoción económica

CONTENT.1728680025

SINGLE.1728680025