07/02/2022
Manuel Padrón coñeceu a pedra nas canteiras e aprendeu a esculpila con Faílde
Sociedade en Barbadás

- Naceu, viviu en Parada de Piñor, alí segue a foi alí onde comezou a traballar nas canteiras con 13 ou 14 anos. Xa fora tamén aprendiz de barbeiro cun veciño que tiña barbería no Xardín do Posío. Outro veciño informoulle de que o escultor Faílde (criado en Godexás e escultor despois en Ourense) “buscaba un rapaz para o taller que tiña naquel intre entre a rúa Bedoya e a Avenida Buenos Aires, preto da praza das Mercedes”.
- “Gusteille porque xa tiña idea de como traballar a pedra, e quedeime con el, traballando xa nalgún panteón, ó cabo de dous anos el foise centrando na escultura e a mín deixábame traballos para que os fixera pola miña conta”, lembra Manuel.
- O canteiro de Parada púxose por conta propia e… até hoxe. Tivo taller propio na casa dun veciño, despois no baixo dun tío seu e cando fixo a súa casa, trasladouse ó baixo para seguir traballando. A súa man, maceta e cincel están na maioría dos panteóns do cemiterio de Piñor, arredor do único que fixo Faílde, encargo dunha familia relacionada co pazo de Lemos (San Lourenzo de Piñor).
- Tamén traballou man con man co seu mestre nalgúns encargos como o dos 4 Evanxelistas dun panteón de San Cristovo de Cea, ou as grandes figuras pétreas da parroquia de Fátima, no barrio do Couto (os pastores e a Virxe de Fátima).
- O propio Manuel labrou figuras de San Antonio para un particular da Coruña, una Virxe para Seixalbo, outra para Luintra, un San Lourenzo para a parroquia de Piñor, catro cruceiros para particulares en Barcelona con Virxe Moreneta incluída…e máis cruceiros. Tamén restaurou pezas “para o anticuario Ross de Ourense”, detalla.

Canteiro e escultor
- E na súa casa, en patios e escaleiras pódense ver as súas esculturas, que son un traballo do que tarda en falar …até que pasa a carón delas e lles pasa a man por riba.
- “Faílde díxome unha vez que veu por casa, que lle gustaban moito e tiña a súa favorita”. Do que aprendeu con el destaca o xeito de “detallar ben as figuras aínda que sexan de pedra” e así se percibe nas súas, nas que ten na escaleira: varias figuras de mulleres, de corpo enteiro ou parcial, unha de dous mozos abrazados…
- “Cando era novo non había tempo para a escultura, só para os encargos porque teño cinco fillos e había que sacalos adiante”, lembra Manuel. Así que despois si… leva uns anos rebaixando pedra e facendo corpos e rostros menos anxélicos e santos, máis humáns, que ten esparexidos pola casa e o espazo aberto que a rodea. “Agora teño a vista amolada pero aínda boto unha man o meu fillo Moncho, cando mo pide”, relata.
- “Gústame moito a escultura e gustaríame seguir con algún traballo así”, segue, e asegura que probou todo tipo de pedra, granito moi duro e branco como o de Piñor, “difícil de labrar”, e outro máis brando de Mugares.

Historias da pedra en Barbadás
- O nome de Louredo (bosque entre Santa Uxía e Toén) trae a memoria de Manuel as canteiras das que saíu toda a pedra para construír o barrio de Mariñamansa en Ourense. “Tamén se traballaba en canteiras arredor do San Benito, e esa pedra non era tan branca”, lembra.
- Tamén rememora que Faílde traballaba as súas esculturas en granito de Barra de Miño e de Trasalba, que é “máis dócil para traballar”.
- E a historia dos canteiros no concello de Barbadás parece seguir, a lo menos cun fillo de Manuel. “Tódolos meus fillos probaron a pedra, pero a Moncho gustoulle e aí segue. Cando eu traballaba nas canteiras, había un canteiro en cada familia e a cousa cambiou”, di con orgullo de pai.
- Por moitos anos!!
