02/04/2021

Merche implantou un “Kibú” con café e tenda de roupa

Emprendemento en Barbadás

Merche Dorado- Cafe - Moda Kibú Foto: Rosa Veiga
  • Mercedes Dorado Gómez decidiu en 2001 abrir na Valenzá unha variante dun “kibutz”, que en hebreo é un lugar comunal, un espazo para reunirse. Ela inventou un nome máis sinxelo e un local pensado para a xuventude de Barbadás, no que agora atende cafetería e tenda de roupa.

 

  • En xaneiro a cafetería tivo o seu 20º aniversario e a tenda de roupa fai 4 anos neste 6 de abril, así que Merche fai reconto do tempo transcorrido e lembra que se estableceu na Valenzá en 2001 recentemente chegada de Suiza, onde emigrara dous anos antes “e onde só pensaba en volver”.

 

  • Ela e a súa irmá Olga decidiron abrir a cafetería “Kibú”  para a xuventude dun barrio en pleno desenvolvemento e “cheo de xente nova”. Ese foi o comezo da súa vida emprendedora na hostalería, e atribúe esa capacidade a súa familia.
    “Meu pai foi profesor en Venezuela, abriu unha froitería alá e cando volveu a Verea abriu no seu pobo un establecemento de ultramarinos que atendeu ca miña nai Mercedes até hai 15 anos; eles son meus referentes”, e lembra que nos anos 80, o pai foi alcalde do seu concello.

 

  • Entres os seus 5 irmáns mantéñense os antecedentes: ela mesma, a súa irmá Olga (que traballou con ela 13 anos) e outros que hoxe están hostalería, construción, agricultura ecolóxica …

 

  • “Meu pai, Antonio, era comerciante, moi honrado e innovador e ademais da familia, deixou un legado de miles de árbores plantados por el, aos que consideraba seus segundos fillos; pola súa parte, a miña nai aprendeume que sempre hai que ter un plan A e un plan B”, lembra.

 

  • Mercou o baixo que hoxe ocupa o café-tenda cando o edificio estaba en construción e, xunto coa súa irmá, organizou concertos, desfiles de moda e encontros orixinais para mozos e mozas nos que a gran participación animounas a sortear, entre outros, unha viaxe a Cabo Verde.

 

  • Despois de tres reformas, o local mantén un ambiente “entre clásico e moderno” con moita madeira en paredes e mobiliario. Nese aspecto foi fundamental o traballo dePablo Freire, sobriño de Olga, que tallou en madeira un mural xigante colocado no espazo interior, outro na tenda de roupa e un terceiro na entrada da cafetería. Eses murais son un motivo máis para visitar este “coffee-shop”.

Novas ideas dende Londres

  • Nunha viaxe outonal a Londres, coñeceu unha cafetería na que se vendía lencería.
    Pensou como adaptar esa opción ao seu local e decidiu reformalo para trocalo almacén en “recuncho” ocupado por unha tenda interior. Tamén abriu un pequeno escaparate cara a rúa con algún modelo de roupa de muller “casual e xove”. E así inaugurou o novo espazo o 6 de abril de 2017.

 

  • Para conmemoralo nas actuais circunstancias sanitarias e coas precaucións pola  pandemia, Merche fará descontos especiais na roupa que venda o martes 6 de abril, sen festa. Para as dúas partes do seu local ten plan B: na cafetería leva uns meses con entrega de almorzos a domicilio e na tenda proxecta abrir web para venta en liña.

Merche Dorado- Cafe - Moda Kibú Foto: Rosa Veiga

Barbadás Quéreo Viveo, Novas, Promoción económica

CONTENT.1711610427

SINGLE.1711610427