02/01/2023

Miguel atesoura a memoria da súa familia e oficios de Santa Ouxea

Sociedade en Barbadás

Miguel Fernández Alonso, na casa dos seus avós, a carón do forno da casa (Santa Ouxea, Piñor). foto Rosa Veiga - concello de Barbadás

O concello de Barbadás ten dúas aldeas habitadas na actualidade das que Santa Uxía (Santa Ouxea na Idade Media) é a máis pequena, con 14 habitantes (fronte as 74 persoas censadas no Pontón, a segunda aldea con veciños).

  • Miguel Fernández Alonso é fillo e neto de rianxeiras de Santa Ouxea, na beira esquerda do río Miño. El naceu “na mutua da rúa Progreso. De luns a venres vivía na rúa Ervedelo; os sábados e tódalas vacacións estaba en santa Ouxea e Piñor  e os domingos tocáballe cine na parroquia de Fátima e fútbol no estadio do Couto”, pois gustáballe o C.D. Ourense.
Miguel Fernández Alonso, na casa dos seus avós, a carón do forno da casa (Santa Ouxea, Piñor). Concello de Barbadás
Miguel Fernández Alonso, na casa dos seus avós, ao carón do forno da casa (Santa Ouxea, Piñor). foto Rosa Veiga
  • Entre a vida de barrio durante a semana e a da aldea de cada fin de semana e vacacións, Miguel parece preferir a que viviu a apenas 5 ou 6 quilómetros do Couto, sempre preto do río.
    “Na miña infancia había dous barqueiros, un entre o campo de Santiago e a praia que chamábamos Areal e outro que cruzaba dende Eirasvedras até a zona de Barbadás que se chama a Ribeira, onde había viñedos e hoxe está o aparcamento da zona termal de Outariz”.

O mundo arredor do río

  • O barqueiro de augas abaixo era o Benitiño e segundo lembra. Vivía “practicamente no río”, pois ademáis de levar persoas e mercancías na súa barca de madeira, era “naseiro” e “non había máis que chamalo para que che recollera porque sempre andaba preto”, narra.

 

  • A actividade dos barqueiros fixo posibles moitas parellas das beiras do río, como a dos seus propios pais Miguel e Aurora: el era de Eirasvedras e ela de Santa Ouxea. Tamén foron varias as parellas formadas por veciños de Reza e de Canedo (hoxe barrio ourensán da Ponte) pola actividade da outra barca, que facía moitas viaxes sobre todo nas feiras dos 7 e os 17.

 

  • Neses días, os principais ocupantes da barca máis preto da cidade de Ourense, eran os “rellos” ou “pecoriños” (porcos de cría) transportados dende a beira esquerda até o campo de Santiago (O Tinteiro) na dereita, preto do campo da feira.

As rianxeiras da familia e leiteiras de Santa Ouxea

  • Da súa memoria xorden as lembranzas da vida na casa dos avós. O avó Julio traballou durante os anos da posguerra na fundición Malingre do Couto. “Cando lle deron traballo no forno decidiu deixalo porque non lle gustaba e comezou a traballar na aldea como carreteiro con bois, labrego e viticultor”, lembra Miguel.
    Algúns veciños que marcharan a Vigo, abriron bar e mercábanlle a Julio o excedente de viño.
Miguel Fernández Alonso ca foto dos seus avós Rosa e Julio de Santa Ouxea, Piñor. Foto Rosa Veiga
Miguel Fernández Alonso coa foto dos seus avós Rosa e Julio de Santa Ouxea, Piñor. Foto Rosa Veiga
  • Pola súa banda, a avoa Rosa e as fillas (entre elas Aurora, a nai de Miguel) eran rianxeiras, e recollían verduras e hortalizas na horta familiar e lavábanas e amañaban as molladas do rianxo na fonte da aldea, antes de levalas até a praza de abastos de Ourense.
    “Baixaban a pé, coas cestas na cabeza, até a cidade, pola estrada que daquela era unha pista de terra que os veciños mantiñan en bo estado para facilítalo seu uso. O paso dalgún coche ou camión era esporádico”, relata Miguel. Anos máis tarde, parte do camiño facíase no “carrito” (nome que se lle daba ao bus urbano no barrio do Couto).

 

  • O mesmo percorrido podían facer as leiteiras, que repartían o leite de vaca casa por casa  tamén no Couto e parte da cidade de Ourense.

 

  • Pola mesma pista pista de acceso chegaba ás veces algún camión para levarlle leña recollida polos veciños, que a baixaban do monte en toradas axudados de bois e vacas que turraban da madeira atada con cadeas

Canteiros, cesteiros e augardenteiros

  • Moitos dos homes traballaban tamén nas canteiras. “O meu avó e os da súa xeración ían ás de Mugares. Tamén o seu fillo, o meu tío Julio (como o avó) traballou de canteiro até que marchou a Alemaña, e estivo na construción da parroquia de Fátima co escultor Faílde e o seu aprendiz Manuel o Riós”, detalla Miguel.

Miguel Fernández Alonso ca foto dos seus avós Rosa e Julio de Santa Ouxea, Piñor. Foto Rosa Veiga

  • Tódalas familias de Santa Ouxea tiñan viñas e soutos en Louredo, hoxe substituídos pola fraga. “Alí pasaban a mañá e ás veces máis tempo, porque en moitas leiras hai acubillos naturais para quedar”. Lembra os nomes dos lugares poboados por soutos como “A chega das casas” (onde quedan vestixios e pedras dun mosteiro), “A Pereira”, “Maimón”, “O Durán”, “A Portela”…

 

  • Nos soutos, os castiñeiros estaban sen enxertar así que á aldea chegaban cesteiros que aproveitaban “os vergueiros dos castiñeiros para os cestos”. Miguel lembra que na casa do seu avó,  un cesteiro chegaba cada ano e pasábase alí, no baixo, uns meses recollendo os vergueiros e facendo cestas antes de regresar a súa casa.

 

  • Estes artesáns chegaban dende Pontevedra, O Rosal, Tomiño ou Ponteareas. Tamén de fóra da aldea viña, cada novembro, o augardenteiro. “Instalábase co seu pote nun pendello onde hoxe está o local social, e alí destilaba a mantío, é dicir, dábanlle a comida e parte do augardente a cambio do seu traballo”, narra Miguel.

Os muíños do Regueiro, a malla e as tornas para regar

  • Na vida cotiá da aldea eran importantes os catro muíños do Regueiro. Miguel lembra que no situado máis arriba (á esquerda do Camiño de Louredo por riba), as mulleres ían coas tinas cheas tanto para lavala roupa como as tripas en tempo de matanza do porco.
    Matábase sempre o día 8 de decembro, o día da Purísima, e os mozos da xeración anterior á miña facían grupos de 3 ou 4 para ir polas casas axudando a agarralo porco, a cambio dunha copiña”, engade.

 

  • Nesa transición da vida rural de antaño, con traballos en comunidade, até a máis urbana e individual de hoxe, Miguel destaca tamén a malla como “angueira colectiva” na Ermida. Así chamaban a aira que estaba onde agora está a praza da aldea, hoxe aparcamento para os coches dos veciños.

 

  • O uso intenso da terra para cultivos precisaba organizar o regadío en tornas. “Podía tocar regar pola noite e nese caso, regabas o millo, por exemplo, con focos para ver por onde enviala auga”, detalla.

Non todo era traballar

  • Na infancia de Miguel tamén está o fútbol. A maiores, el tiña afección por falar e escoitar ós maiores e ía con eles cando levaban o gando. Tamén pasaba tempo de xogo cos zancos, cos carros de bolas feitos polos amigos…
    Na tenda da Sofía xogábamos ao futbolín, e até viamos alí a televisión na que coñecemos a Pelé, naquela final do Mundial en 1970, en México, co partido Brasil-Italia”… Tamén soubo das sesións de baile que organizaba a mesma Sofía da tenda, para a xente moza, cun tocadiscos nun baixo moi preto da tenda.

 

  • Falar de música e baile en Santa Ouxea, é falar do gaiteiro Luis Padrón, natural da aldea, que formou parte do grupo Brisas do Miño e toco unas festas do San Xoán, nalgún ano… pero esa será outra historia…

Fotos da memoria

  • Acompañan a este artigo fotografías actuais nas que Miguel está na casa dos seus avós, na que se conserva o forno no que a familia deixaba cocer pan a calquera veciño a cambio dalgunha peza, e na bodega, na que se conservan incluso os restos da última matanza, como a capa de sal para a carne nunha das arcas de madeira.
Bodega familiar dos avós de Miguel Fernández Alonso, tal como quedou da última matanza Foto Rosa Veiga
  • A fonte de Santa Ouxea, permanece na entrada da aldea como mostra do traballo dos canteiros e como lembranza da vella pía na que bebía o gando;  do espazo no que as mulleres arranxaban as  molladas do rianxo e onde os homes preparaban o sulfato en olas de barro.

 

  • Na imaxe de obxectos variados das vivendas rurais, un balde de zinc co que se recollía auga na fonte (a exposición preparouse con obxectos de varias aldeas, no IES Blanco Amor de Ourense) e un cadriño no que está un dos libros que Miguel tiña de pequeno para aprender a ler. “As primeiras palabras que lembro do galego son caxato e croio, aprendidas na aldea, porque no Couto non falaban galego”, lembra.

 

  • Tamén a foto dos seus avós, a de amigos e familia no campo de Roma, durante as festas de Piñor nos anos 60 e a de cando era neno, nesa mesma época, no “biscúter” dun amigo do seu pai de Eirasvedras. Todo un álbum que anima a facer memoria e que permite non esquecer traballos, oficios… e momentos vividos nun mundo máis rural, máis comunitario e máis duro para vivir.
Miguel Fernández Alonso 3º pola esquerda, de neno nas festas de Piñor no campo de Roma. foto familiar
Miguel Fernández Alonso no biscúter dun amigo do seu pai. foto familiar
  • Hoxe Miguel traballa no IES Blanco Amor de Ourense, e acompaña a grupos de ex-alumnos e alumnas, profesores e curiosos interesados en coñecer e percorrer a fraga do vello couto de Louredo, dende a súa aldea de infancia.

 

 

 

 

 

Barbadás Quéreo Viveo, Novas

CONTENT.1714082131

SINGLE.1714082131