19/07/2022
Montse Merino e a súa Casa Baubo implantan a musicoterapia no Hospital psiquiátrico de Piñor
Emprendemento en Barbadás
Un convenio asinado polo Sergas fixo posible que Montse Merino comezase en 2020 a poñer en práctica dous proxectos musicoterapia a través das redes sociais e con soporte de familiares.
- “A xefa do servizo de Atención ao Paciente e Humanización Belén Piñeiro púxose en contacto comigo e a partires de aí, a directora do equipo de psiquiatría de Piñor, Chus Gómez, hai un ano que conta co meu traballo con persoas ingresadas no hospital psiquiátrico de Piñor”, explica Montse. O proxecto era comezar antes, pero a pandemia impediuno.
- Segundo a musicoterapeuta ourensá “somos sistema nervioso” e “a música, sons e improvisación favorecen a conexión e comunicación de todo o que somos, pois facer música e cantar activan vías internas, fisiolóxicas, e actúan tamén sobre a nosa comunicación e socialización”.
- Considera que a aparición das redes sociais permiten “contar moito” pero o maior efecto delas na comunicación “é o deterioro da escoita”. “Ponse no primeiro plano falar e expresarnos, pero non se traballa a escoita”, engade.
- Nese eido, o da escoita, o espazo de musicoterapia “favorece a opción de escoitar” e non se precisan requisitos para estar nel, “pode vir quen queira baixo supervisión do equipo médico, e cadaquén que veña como queira porque o que facemos é utilizar a voz e os instrumentos de xeito e os pacientes teñen espazo e abano de ferramentas para escoller como expresarse”
Unha peza artística en cada sesión
- No espazo de musicoterapia que ofrece o hospital de Piñor, Montse establece a improvisación como xeito de traballo e en cada sesión; os participantes fan unha peza artística “que vai asentando neles, e os elementos que aportan van quedando para ser utilizados na seguinte sesión”, detalla.
- Traballar a improvisación teatral, musical ou artística en xeral, fai que se active o traballo persoal para solucionar problemas vitais. Ese traballo “é fundamental para as persoas que só teñen un plan para a vida, e pásano fatal cando ese plan cae, algo que é habitual”.
- O espazo de musicoterapia, para a musicoterapeuta, é un “pacto con seres máis sensibles e sen recursos para xestionar a súa xenialidade, fronte á situación de outros artistas que tiveron a sorte de atopar un camiño para expresarse no que reciben aplausos”, remata.
- As sesións hospitalarias de musicoterapia en Piñor son cada xoves, despois da merenda. “Facemos outra aparte, no lugar fora do hospital onde se fuma”, e nese espazo Montse quere recuperar as ideas de “seráns, foliadas e regueifas para facer música”, relata. Nesas sesións extra, tipo “jam sesión” participan, nalgunha ocasión, estudantes de musicoterapia de Portugal, Valencia, Cataluña ou Madrid.
A musicoterapia en Galicia
- Máis de 60 persoas son parte da Asociación Galega de Musicoterapia e traballan cunha oferta de servizos sociais-comunitarios, sanitarios…
Dende a asociación galega, profesionais dos eidos sanitario e educativo desenvolven servizos como o de musicoterapia “cun modelo único en España, científico e membro da Confederación Europea de Musicoterapia o EMTC” .
- En 2017 celebrouse en Galicia o Congreso anual de Musicoterapia de España co pulo do colectivo galego presidido por Montse.
“Queremos facer realidade o proxecto de organizalo primeiro congreso galego de musicoterapia, que xa estaba previsto en 2005 para celebralo en Ourense coa asistencia do músico, médico e musicoterapeuta italiano Gianluigi di Franco“, que faleceu antes.
“Era meu referente, xunto con Tony Wigram e non chegamos a telo congreso”, lembra Montse.
- Os proxectos de musicoterapia trouxeron a Montse de novo a Ourense, onde comezara en 1993 como fundadora da Escola Municipal de Música do concello lindante co de Barbadás. Tralo seu paso como directora da Escola de Música de Santiago de Compostela nos primeiros anos 2000, organizou en Ourense, en 2013, o Primeiro Seminario Internacional de Improvisación de Jazz e Musicoterapia , ao que seguiron outras edicións.
- Tamén en Galicia, e nos últimos anos en Valencia, deu pulo dende Casa Baubo á formación de musicoterapeutas con un Curso Universitario de Introdución ao modelo Musicoterapia Científica Aplicada, que leva varias edicións. Neste momento busca sede na provincia de Ourense para un mestrado de Pedagoxía Musical durante fins de semana dirixido a profesores, estudantes e persoas con curiosidade neste eido.