22/03/2023
Museo da gaita de fole e rutas de diferentes temáticas atraen ao turismo cultural que se achega a Barbadás
Servizos en Barbadás

Ramón Selas Iglesias é o concelleiro de Turismo xestiona Museo da Gaita de Fole como atractivo moi exclusivo para as persoas que visitan Barbadás.
- Trátase “dun museo referente na península”. Foi construído en 2005 con deseño concibido polo musicólogo Paulo Gonçalves , e non se inauguro até o 2017. Tras un novo parón, foi abrindo a visitas guiadas e teatralizadas durante o verán, polo gran interese dos paneis e material sonoro dispoñibles, e polo dinamismo que supón ter un taller para a elaboración de instrumentos.
- Dende hai uns meses, o museo acolle obradoiros de música e baile para persoas de 8 a 80 anos. Alí podes aprender percusión, timbal, pandeireta, canto, baile tradicional, gaita, con Bea, Pablo, Sara, María, Maite… tralo comezo de actividades formativas organizadas polos músicos e investigadores, Pablo Martínez Míguez (tamén luthier de gaitas) e Beatriz Fernández García, que son parte dun conxunto de músicos que recuperan e promocionan a cultura musical de todo Barbadás.
“O noso contacto coa música tradicional vennos de familia. Dende pequenos estudamos e evolucionamos, xunto con outros que hoxe tamén son profesores como Requeixo, Páxaro, Santi Mera, Miguel García e o de baile Manuel, das Lamas” detalla Beatriz. Os pais dos actuais músicos fundaron hai 30 anos a asociación cultura e deportiva “Nova Fronteira”, e dende entón a súa presencia musical, sobre todo, é continua nas poboacións de Barbadás.

- Dende o museo se da pulo, dende hai meses, a actividades novas como a recuperación dos Cantos de Reis, un folión que se estreou no Entroido no marco da proposta “Mascaradas ancestrais” e outras que fan da tradición musical e cultural un atractivo para visitantes.
- O concelleiro está satisfeito da posta en marcha das actividades “que xa teñen eco en colexios da contorna e comezan a atraer ao turismo cultural que nos diferencia de outros destinos próximos como o da cidade de Ourense”, detalla.
“Tratábase de dar pulo a ese espazo cun proxecto viable, activo e vivo. Cando o presentou Pablo, xusto antes da pandemia, houbo que paralo até agora, unha vez pasados todos os atrancos pola situación sanitaria pero agora xa están alí dúas persoas para manter o seu dinamismo e actividade”, lembra.
Oferta para turismo cultural moi completa
- O propio Ramón, con residencia en Bentraces, atópase a cotío con xente de fóra do concello interesada nos cascos antigos, que están unidos por rutas como a que parte do propio Museo da Gaita de Fole, para baixar até a capela de San Mauro (no casco de Barbadás).
- Esa ruta pasa por Bentraces e Sobrado do Bispo, até Loiro. Moitos visitantes prefiren facela en bicicleta e percorren así recursos patrimoniais e históricos como a igrexa románica de Santa María de Sobrado; o convento das monxas, antigo Pazo da Mitra (residencia de verán dos Bispos de Ourense dos séculos XVI ao XVIII); o casco vello de Bentraces, coa fonte do Santiño e o pazo. “Temos o pazo de Bentraces que é privado e é unha xoia patrimonial e escenario de películas, como a última La manzana de oro, na que o concello axudou coas infraestruturas”, engade, en relación á rodaxe do pasado verán, o de 2022.
- E xa en Loiro relata o interese que despertan as prazas e balconada, a igrexa de San Martiño (que compartiu un dos seus canteiros coa propia catedral de Ourense), e a rúa emblemática adicada ás bodegas, das que unha trocou en museo etnográfico local.
Outras rutas e novos proxectos
- Ramón lembra que Barbadás tamén ten sinalizada a ruta do Tangaraño con saída dende Parada ou dende A Valenzá, para chegar até o San Bieito de Cova de Lobo por sendas “perfectamente transitables e limpas”, que percorren lugares de gran interese natural e histórico en relación coas ofrendas para a cura de nenos e nenas doentes de “tangaraño” e coa súa pegada en literatura e cantigas.
- Outra sinalizada e moi percorrida a pè e da cabalo, é a ruta dos Castros que cruza tamén todo o concello. “Calquera delas tivo moitos camiñantes durante o confinamento municipal que compartimos co concello de Ourense, e que animou a residentes no concello veciño a camiñar pola beira do río Barbadás e descubrir estes novos lugares para percorrer”.
- En marcha, están ademais a primeira ruta literaria no concello, centrada na vida e obra da escritora Carmen Martín Gaite (veciña de San Lourenzo de Piñor nos veráns da súa infancia e xuventude); a dos cruceiros que permitirá percorrer en dous itinerarios circulares os 36 inventariados… e o proxecto en marcha da recuperación do camiño tradicional entre A Valenzá, os Piscos e A Boutureira (compartida co concello lindeiro de San Cibrao das Viñas).
Casa que foi propiedade e vivenda da familia de Carmen Martín Gaite, até o ano 1965. Foto Rosa Veiga
- Entre os seus proxectos como concelleiro, aínda que non repetirá nesas responsabilidades, Ramón asegura que queda pendente a recuperación dos cascos vellos “porque é unha mágoa o deterioro que teñen nalgunhas zonas. Hai que afrontar moitas complicacións para darlle a volta, como a localización dos propietarios. Ese tema e outros fan que este sexa un proxecto que precisa moita dotación económica, para que beneficie tanto ás persoas que viven neles como ao turismo interesado na súa singularidade”.
Medra o aloxamento rural, cero hoteis
- Ramón tamén é edil de Promoción Económica, e nese eido di non poder detallar todas as iniciativas desenvolvidas no concello, pero si lembra que se agrupan en formación, apoio ao emprendemento, apoio ao pequeno comercio e hostalería, sobre todo na pandemia, formación para persoas desempregadas, apoio aos traballadores municipais coa consolidación de postos de traballo…
- Tamén se deu pulo a unha oficina virtual para empregados e autónomos, ao niño de empresas no CET para apoiar a creación e establecemento de novas empresas, a unha liña de axudas a creación de empresas (33 novos emprendementos dende 2019)…
- No eido do emprendemento, o concelleiro di botar en falta “iniciativas empresariais para abrir algún hotel”, fronte ao desenvolvemento continuo do aloxamento no rural. “Temos rexistrados establecementos de turismo rural en todas as poboacións. A área municipal de Turismo está nos seus primeiros anos e xa temos eventos e atractivos turístico como para poder contar con prazas hoteleiras, pero non temos ningunha”, engade.
- E como compendio das súas dúas áreas, Ramón desvela que rianxo e viño, a maiores de ter sido piares da economía local e actividades en declive na actualidade, poden ser os motivos para proxectos de revitalización económica e turística, porque deron e dan singularidade á paisaxe de todo o rural de Barbadás, dende Loiro até Santa Ouxea (santa Uxía).
- Na foto de cabeceira, o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Ramón Selas Iglesias (centro) con Beatriz Fernández García e Pablo Martínez Míguez,