08/03/2023
O alcalde anima as rapazas de Barbadás a “cumprir todos os vosos soños” e a ser “o que queirades e o que vos propoñades”
Oitenta nenos e nenas dos CEIP Filomena Dato e O Ruxidoiro participaron no acto central de Barbadás polo 8M
Como todos os anos, o Concello de Barbadás súmase á conmemoración do 8M – Día Internacional das Mulleres. O alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, e a concelleira de Igualdade, Elisabet González, presentaron o acto central de hoxe na Casa da Cultura nun auditorio cheo de nenos que atentamente escoitaron as palabras que lles dedicaron os representantes do goberno local.
“Tedes que cumprir os vosos soños, unha muller poder ser o que queira, o que se propoña” afirmou Valcárcel ao dirixirse ás nenas que alí se atopaban.
Ademais da lectura da declaración institucional, se puideron escoitar pezas musicais interpretadas por alumnos da escola municipal de Música e a intervención dos nenos do CEIP Filomena Dato e do CEIP O Ruxidoiro nas que manifestaban o seu compromiso coa igualdade e pondo en valor á muller, ademais de manifestar a súa repulsa contra calquera tipo de discriminación ou maltrato contra ela.
“A loita contra a violencia machista segue sendo o principal obxectivo político, non podemos aceptar como sociedade que as mulleres vivan con medo, sentindo a ameaza constante das súas parellas ou exparellas, sen liberdade”, reza a declaración institucional, “tamén debemos seguir loitando contra outra forma terrible de violencia contra as mulleres como é a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual e a prostitución, xa que a trata existe porque hai demanda de mulleres e nenas para seren prostituídas, polo que hai que seguir traballando para que unhas e outras podan vivir seguras e en liberdade, que nesta sociedade homes e mulleres sexan iguais en dignidade e en dereitos”, asegurou a concelleira de igualdade, Elisabet González.