23/12/2025
O alcalde reorganiza o goberno con novas delegacións aos concelleiros Morgade e Rey
O alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Valcárcel, asinou onte o decreto das novas delegacións dos concelleiros José Manuel Morgade e Daniel Rey, unha vez cinco concelleiras que formaban parte do goberno local decidiron renunciar ás súas competencias.
“Más alá do difícil momento nos que nos sitúa a súa renuncia, quero agradecerlles a todas elas a súa adicación no desempeño das súas funcións como concelleiras, especialmente á que foi tenente alcalde do Concello durante os dous últimos mandatos e persoa da miña total confianza desde hai 20 anos”, explica o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel.
Deste xeito, Daniel Rey, ademais da Área de Emerxencias e Intervencións Públicas, Disciplina Medioambiental e Gardería Forestal, encargarase tamén da Tenencia de Alcaldía e da coordinación de Urbanismo, Vías e Obras, Servizos Públicos, Parques e Xardíns, Servizos Sociais, Saúde e Igualdade.
José Manuel Morgade, ademais da área de Promoción Económica, Turismo, Recursos Humanos e Formación, estará á fronte da área segunda Tenencia de Alcaldía, Educación e Comercio, Cultura e Participación Veciñal.
Pola súa banda, o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel asume a xestión da Policía Local e as áreas de Facenda, Deportes e Mocidade.