09/07/2024

O alcalde trasládalle ao subdelegado as carencias en financiación e infraestruturas: “Soportamos unha carga impresionante e inxusta”

- Acordaron buscar fórmulas de colaboración para achegar a banda ancha e a telefonía móbil a todos os pobos, así como para construír un centro multiusos

Invitado polo alcalde de Barbadás, José Carlos Valcárcel, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, realizou hoxe a súa primeira visita oficial ao concello de Barbadás.

A reunión, coa meirande parte dos concelleiros do goberno local, xirou entorno á busca de melloras no financiamento para algúns dos servizos que presta o concello, nomeadamente o Servizo de Axuda no Fogar, pero tamén o financiamento en xeral das entidades locais.

“Soportamos unha carta impresionante en atención a persoas dependentes, de idade avanzada ou vulnerables”, explicou Valcárcel. En contraposición ao que fai a Xunta de Galicia, subliñou “a achega de 4.800 millóns de euros por parte do Goberno Central a comunidades autónomas e concellos (500.000 euros lle corresponderán a Barbadás), mentres que o autonómico leva 13 anos sen mellorar o Fondo de Cooperación Local”.

“Precisamos -engadiu o alcalde- financiación porque cada día estamos asumindo competencias que non lle corresponden ao Concello, o que é sumamente inxusto”.

Por outra banda, na reunión tamén foron abordados outros asuntos como a implementación da banda ancha e a telefonía móbil nas localidades do municipio que aínda teñen carencias a día de hoxe ou do Polígono Industrial e Comercial, que precisa igualmente financiación para o seu desenrolo

Outra cuestión relevante no transcurso da reunión foi o establecemento de fórmulas de colaboración co Goberno Central para a construción de unha casa da cultura ou centro multiusos en Barbadás, así como para as actividades que se desenrolarán o próximo ano con motivo do centenario da escritora universal Carmen Martín Gaite, en cuxa obra hai unha presenza importante de  San Lourenzo de Piñor por ser o lugar onde pasaba as súas vacacións cando era nena.

Eladio Santos amosou a súa determinación de colaborar en todos os asuntos abordados, tratando de implicar ao Goberno de España no seu desenrolo e sinalando a Barbadás como unha prioridade para a Subdelegación polo peso específico da vila a nivel provincial e polas súas moitas peculiaridades.

Data Adxuntos
09/07/2024 Imaxe da reunión do alcalde e o grupo de goberno co subdelegado, Eladio Santos JPEG [272 KB]

Novas

CONTENT.1730746251

SINGLE.1730746251