20/11/2021
O Amor pola arte e a docencia en Barbadás chámase Conchi Carbajo
Emprendemento en Barbadás
- En 1997 chegou a Sobrado do Bispo María Concepción Carbajo Yáñez, “Conchi”, onde mercou casa antes de ter o primeiro dos seus dous fillos. Alí comezou a pensar en facerse cun local en Ourense para dar clase pero antes de atopalo alí, a súa vista parou nunha tenda de deportes da Valenzá.
- “Era a tenda de Mercedes, coñecida miña de Celanova, e ao falar con ela souben que se xubilaba e que quería alugar o local”, segundo conta. Tamén lembra que naquel momento, “todo o mundo arredor meu dicía que non era bo sitio pero a decisión foi un acerto e estou aquí, en Artelandia dende 2012, hai case unha década”.
- A súa formación artística comezou en Alemania, nunha familia de emigrantes e con catro fillos, e os seus pais (de Zamora e de Celanova) animárona a estudar.
- “Estiven nunha escola de negocios pero pintaba e debuxaba, como facía dende que podo lembrar, dende moi pequena”, relata. Os seus profesores viron que tiña “un don” e animaron aos seus pais a inscribila na Escola de Belas Artes de Bremen (cerca de DelmenHorst, onde vivía), na que non puido entrar porque as prazas eran moi demandadas e tiñan preferencia @s aspirantes locais.
- Con 21 anos decidiu volver á terra da súa nai e durante un ano estudo na Escola Antonio Faílde de Ourense, mentres vivía coa súa tía en Celanova. “Estudaba e traballaba nun supermercado cando xurdiu facer un retrato dun bebé en Celanova en 1992, e xa nunca parei de facer retratos”, engade.
- Despois comezou a axudar a “Julio o pintor” en Celanova, veuse a vivir a Ourense, onde unha veciña pintora faloulle da Escola de Artes e Oficios e entrou en clases de pintura despois do exame de ingreso.
Eterna autodidacta e docente de arte
- Conchi fixo cursos de arterapia e arte emocional, formouse en novas técnicas… e chama “ter sorte” ao feito de que unha amiga a animara a dar clases e todo o que veu despois.
- Comezou cun grupiño de alumn@ na casa, despois Ana Ferreiro, compañeira en Artes e Oficios, chamouna para dar pintura como actividade extraescolar en varios centros coa xestión da empresa Mundoclases.
- En 2009 e con 2 fillos que ían con ela as clases que impartía, Conchi tiña grupos semanais no colexio Curros Enríquez, e despois de facer un curso na Cámara de Comercio, comezou a dar actividades extraescolares no colexio Filomena Dato.
- Nese momento compaxinaba a docencia de actividades extraescolares, encargos de retratos, clases de pintura para persoas adultas… “con moito apoio da familia e das persoas que coñecían o meu traballo”, agradece.
- Pensou entón en buscar un local en Ourense pero apareceu o da Valenzá e nel centra a súa actividade dende que abriu hai case 10 anos, con tenda, taller e almacén.
- Hoxe non hai aldea de Barbadás na que non coñezan traballos e clases de Conchi, pois durante tres anos organizouse para non pechar a tenda e atender talleres veciñais dende a Finca Fierro até Loiro.
- “En 2018 decidín non partillar máis o meu tempo porque enfermei de estrés, así que volvín ao meu en Artelandia agora transformada en punto de encontro con clases infantís e de adult@s, para tomar café, conversar e intercambiar axuda entre moitas persoas”.
- O obxectivo de Conchi é “fomentar valores, respecto e educación ca arte” ademais de “potenciar o talento e chegar a darlle unha oportunidade laboral”. Di sentirse “moi orgullosa” dos nenos e nenas que amosan seu talento con ela, e do que segue a aprender con cada encargo.
- Ademais vende material para manualidades, desde o utilizado por cesteiros (en Allariz, por exemplo) fai pequenos traballos de restauración e transformación de elementos de atrezzo para escaparates, letras xigantes de porexpán para vodas, murais a pincel para habitacións infantís, retratos a lápis, pastel e óleo, e arranxos de costura… e comeza a retomar as clases fóra do local, como as da Valenzá, na aula de actividades e formación.
- Os seus traballos artísticos son visibles en toda a tenda, aínda que os traballos d@s alumnos grandes e pequen@s ocupan cada vez máis espazo, pero seu soño agora é facer unha exposición propia.
- O décimo aniversario de Artelandia será o 18 de agosto de 2022 e aínda non pensou como o celebrará.