21/09/2022
O antigo “Couto de Louredo” terá unha revista para divulgar investigacións feitas no seu territorio actual de Barbadás e Toén
Emprendemento en Barbadás
David Sabucedo Cardero, Carlos Arias Conde e Marcos Rodríguez Alonso fálannos do proxecto “Terras de Louredo” que inclúe unha revista case rematada e que sairá á rúa nunhas semanas, coa participación de veciñas e veciños dos concellos de Barbadás e Toén, e algúns de máis aló, de Ferreira de Pantón, ou de máis acó, como de Ourense.
- Ademais de textos de David (veciño de Moreiras, Toén), Carlos (veciño de Sobrado do Bispo) e Marcos (veciño de Santa Uxía en Barbadás), está prevista a publicación dos que elabore Xavier Álvarez Iglesias (profesor de música e director do coro universitario), a ilustradora Alba Gil… e calquera outra persoa interesada en facelo, pois o grupo de traballo está “aberto á participación de persoas curiosas e amantes do noso patrimonio, en concreto deste territorio, pero vivan onde vivan”, indica Carlos.
- El mesmo está na directiva da asociación de Sobrado do Bispo “Porta da Cadea” que xa no seu nome dá a coñecer ese edificio histórico da aldea, aínda en pé hoxe pero de uso privado, que foi cárcere.
- Carlos é de Cartelle, ten familia en Bentraces e Sobrado do Bispo e adica tempo a investigar e buscar historias da súa contorna porque cando chegou a Sobrado “ninguén parecía estar preocupado nin ocupado en saber de onde ven a aldea, o seu pasado” , así que deu pulo, xunto con Paula Rodríguez Araújo, á creación da asociación cultural.
- A asociación fai continuamente colleita de fotografías entre veciñas e veciños de Sobrado, para escanealas, reproducilas e amosalas en exposicións periódicas nas que @s protagonistas axudan a poñer nome, data e lugar as imaxes. Tamén conta cun libro arredor dos alcumes da aldea reunidos por Carlos entre a veciñanza… e seguen con proxectos.
- Na nova revista “Terras de Louredo”, Carlos terá un artigo arredor da parroquia de Santa María, baseado no estudo que fixo dela o etnógrafo Ben-Cho-Sey.
Tamén participación individual
- Pola súa banda, Marcos ten familia en Santa Uxía, e alí pasa os veráns, na casa dos avós. Segundo di, sempre tivo interese polo Patrimonio e Historia da súa contorna. “Na pandemia os veciños faláronme de Louredo e unha veciña faloume das bodegas de San Vicenzo que atopou un día que saíu polo monte, e alá fun eu tamén”.
Marcos comezou a saír polos camiños de Louredo dende Santa Uxía e a indagar. “Cando descubrín que alí houbera un castelo e que hai un castro, púxenme tolo”, detalla. Comezou a “mergullar na internet” e xa non parou. Visitou e consultou documentación no Arquivo Histórico Provincial, no Museo Arqueolóxico e nas bibliotecas.
- No arrinque da revista “Terras de Louredo”, Marcos será o autor do deseño e maquetación e dun video promocional que se deu a coñecer xa nas redes sociais, como adianto do proxecto. Non descarta que nalgún número da revista poida publicar algún artigo.
E a asociación “Amigos do Patrimonio de Toén”
- Pola súa banda, David é historiador e preside a asociación cultural “Amigos do Patrimonio de Toén” da que xurdiu a idea da publicación conxunta “Terras de Louredo”.
O colectivo de Toén creouse, segundo explicou, tras un lume que afectou a montes de Moreiras (Toén) e Sobrado do Bispo (Barbadás) en agosto de 2020.
“Quedou á vista unha mámoa da que xa sabíamos pola toponimia pero non estaba visible, e despois do lume mobilizámonos para protexela, urxir a súa catalogación e comezar a difusión dese Patrimonio, así que esa emerxencia nos deunos pulo para asociarnos” , detalla.
- Antón Gil, David e unha ducia de persoas acordaron constituírse como asociación. Dende hai un ano, ten web e facebook e os socios comezaron a idear un “boletín ou publicación periódica con artigos de colaboradores”. Hoxe ten arredor de 45 socios e David xa conta tamén ca cooperación do xenealoxista de Puga (Toén), Juan Cruz.
- “Primeiro pensamos en difundir e divulgar na internet historia local, arqueoloxía, antropoloxía, entrevistas, lendas… de Toén e Barbadás, pero cremos que o papel segue a marcar diferencia, permanece no tempo e parécenos moi acaído para lectores de tódalas idades, así que pensamos en pasquíns para partillar con buzoneo e algún outro formato; finalmente esperamos poder financiar o formato de revista deseñado por Marcos”, engade David.
De que vai o número 1 da revista?
- A primeira revista que se publique contará cun editorial de David, o artigo de Carlos Arias arredor da parroquia de Sobrado do Bispo e, en polo menos, unha entrevista a Castor Seara, veciño de Trelle de 94 anos que traballou na pista de acceso á Croa de Trelle (a parte máis alta do castro).
Castor é a persoa que atopou o machado de bronce e a placa metálica hoxe desaparecida, que foron indicios da existencia do castro. Varias fontes (autores e documentos anteriores que falaron de ese tema) falaban desas pezas “pero grazas a Castor puidemos confirmar a súa existencia”, agrega David.
Alguén interesado no Patrimonio por aquí?
- O nome da revista é “Terras de Louredo”, entre outros nomes propostos, porque se desenvolverá nun territorio que une, é o común entre Toén e Barbadás.
- “Esperamos ampliar as colaboracións con persoas ou colectivos de Cartelle e con todas aquelas e aqueles que queiran engadirse porque temos un pasado común”, engade David, en nome de todos os que agora están turrando do proxecto.
“Cantas máis persoas sexamos mellor, e haberá sitio na revista para tódalas colaboracións”, engade Marcos.
- Nas ligazóns que están neste texto están varias que permiten contactar con estes activistas culturais que teñen como obxectivo documentar e dalo a coñecer Patrimonio común “porque só amamos aquelo que coñecemos”, frase atribuída ao oceanógrafo e investigador Jacques Cousteau e aplicado por investigadores e divulgadores culturais a calquera eido da curiosidade e do Patrimonio.