10/12/2025
O Banco Solidario de Barbadás reabre as súas portas tras a renovación integral das instalacións

- O acto de reapertura incluíu a homenaxe de 16 voluntarios da entidade municipal
- “O Banco acaba de experimentar unha remodelación intensa que permitirá traballar mellor e ser máis efectivos”, apunta Xosé Carlos Valcárcel, alcalde de Barbadás
O Concello de Barbadás reabriu este martes o local do Banco Solidario despois da renovación integral das instalacións municipais. A Concellería de Servizos Sociais reforza así a súa aposta pola iniciativa social, que leva 10 anos sendo un apoio fundamental para as familias máis vulnerables de Barbadás. A actuación incluíu o pintado de todo o local (localizado na rúa Ensino da Valenzá), así como a colocación de novo mobiliario (como estantes e percheiros) para almacenar doazóns da veciñanza de xeito máis cómodo e seguro. “O Banco acaba de experimentar unha remodelación intensa que permite traballar mellor cos recursos que temos e ser máis efectivos no ámbito da solidariedade e na atención ás persoas máis vulnerables, algo fundamental para o Concello”, explicou Xosé Carlos Valcárcel, alcalde, durante o acto. O rexedor tamén recordou que o Banco axuda a un total de 150 persoas do municipio.
A concelleira de Servizos Sociais, Elisabet González Nistal, enxalzou o importante papel do Banco Solidario en Barbadás, sobre todo durante a época de Nadal. “Agora mesmo estamos en plena organización de todo o que recollimos durante a campaña de xoguetes para que ningún neno ou nena de Barbadás quede sen agasallo nestas festas”, explicou a edila. Os días 17 e 18 de decembro, os voluntarios e voluntarias do Banco encargaranse de distribuír os lotes de xoguetes e comida non perecedoira entre as familias máis vulnerables do municipio.
Homenaxe ao voluntariado
A reapertura do Banco Solidario tamén incluíu unha emotiva homenaxe ao voluntariado, que co seu esforzo e compromiso fan posible que a iniciativa siga en pé 10 anos despois da súa creación. Así, a inauguración contou coa presenza de Ana, Corina, Yolanda, Teresa, Isabel, Purificación, Elida, Luis Fernando, Luis Enrique, Sandra, Maribel, Carmen, Marián e Pilar, parte do equipo humano detrás do Banco Solidario. “Todos e todas as que regalades o voso tempo, enerxía e cariño sen pedir nada a cambio sodes a alma do Banco”, resaltou a concelleira na súa intervención, na que tamén se acordou dos voluntarios que xa non están ou que xa non colaboran na entidade.
“Grazas por cada xesto, por cada día que decidides estar aquí. O que facedes pode parecer pequeno a ollos do mundo, pero para quen o recibe… é todo”, asegurou. O acto contou tamén coa participación do resto do goberno local e da oposición, así como do equipo de Servizos Sociais e de Protección Civil.