02/03/2026
O CEIP O Ruxidoiro acolle un obradoiro de reciclaxe para fomentar a educación ambiental

O Concello de Barbadás continúa apostando pola sensibilización ambiental da mocidade a través de accións formativas nos centros educativos do municipio. Neste marco, o CEIP O Ruxidoiro acolleu un obradoiro de reciclaxe dirixido ao alumnado, co obxectivo de promover hábitos responsables na separación de residuos e impulsar unha cultura de reutilización e economía circular desde idades temperás.
Durante a sesión, o alumnado participou en dinámicas prácticas e participativas orientadas a aprender a separar correctamente os residuos, identificar os materiais que poden ser reciclados, evitar erros comúns e comprender o impacto positivo que teñen os pequenos xestos diarios no medio ambiente. A través de xogos e exemplos próximos á súa realidade, os participantes descubriron que reciclar é sinxelo e está ao alcance de todos.
Por outra banda, o pasado venres, o Concello de Barbadás realizou unha nova entrega de composteiros no Centro Empresarial Transfronteirizo (CET), reforzando o compromiso municipal coa sustentabilidade e coa creación de hábitos saudables e responsables cara ao medio ambiente.
Para máis información sobre futuras actividades, pódese consultar a web municipal ou os canais oficiais do Concello.
As persoas interesadas poden atopar toda a información actualizada na páxina web: barbadas.ocaminosostible.gal. Tamén poden contactar a través do teléfono 647 521 464 ou do correo electrónico info@ocaminosostible.gal.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e o financiamento do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Next Generation EU, e forma parte da aposta do Consorcio As Mariñas por un modelo de xestión sostible e de proximidade, implicando á cidadanía na redución e valorización dos seus propios residuos.