11/03/2025
O Centro de Información á Muller atendeu preto de mil consultas de 156 usuarias nos últimos 14 meses

- Barbadás solicitará máis financiación á Xunta e ao Estado para reforzar as políticas pública de igualdade, tal e como se aprobou hoxe en pleno
- Os grupos que forman o goberno local votaron a favor da moción que presentou o PP para fortalecer os servizos e actividades a prol da igualdade
O Centro de Información á Muller, un dos máis activos da provincia e mesmo de Galicia, atendeu durante os últimos 14 meses, desde xaneiro de 2024 ata este mes de marzo a 156 mulleres (algunas de fóra da provincia). O número de consultas achégase ó millar, que se reparten entre cuestións relacionadas coa atención social (565), atención psicolóxica (218) e asesoramento xurídico (174). En total, 957 atencións leva realizado o centro de Barbadás desde xaneiro de 2014 ata hoxe.
Estes datos foron postos sobre a mesa pola concelleira de Igualdade de Barbadás, Elisabet González, no pleno desta tarde, durante o debate dunha moción do PP na que pedía “unidade e cooperación” para combater as limitacións das mulleres e lograr así a “plena igualdade de dereitos e liberdades”. A proposta do grupo que lidera a oposición en Barbadás era a de requerir máis financiamento á Xunta e ao Goberno central para impulsar iniciativas que protexan ás máis vulnerables, favorezan a corresponsabilidade entre homes e mulleres e sensibilicen a toda a poboación.
E así foi aprobado, polo que o Concello de Barbadás solicitará máis financiamento á Xunta e ao Estado para reforzar as políticas públicas de igualdade e avanzar na loita contra a violencia machista.
A concelleira de Igualdade, Elisabet González, en resposta á moción dos populares, remarcou a importancia de contar con máis fondos para ampliar a carteira de servizos postos en marcha nos últimos anos en Barbadás, dirixidos a mellorar a conciliación das familias ou a inclusión laboral e social das mulleres. O Concello conta con programas como o Bos Días Cole ou iniciativas como o Punto Lila, instalado en eventos como o recente Entroido.
González fixo mención especial ao papel do Centro de Información á Muller (CIM) de Barbadás como “recurso imprescindible para asesorar e acompañar ás mulleres”, sobre todo ás que se atopan nunha situación de vulnerabilidade. A moción do PP, de feito, solicita directamente á Xunta “máis ferramentas” para o servizo. A concelleira asegurou que unha maior financiación permitirá fortalecer os programas de apoio ás veciñas.
A moción aprobada no pleno tamén inclúe a demanda ao Estado de crear un xulgado exclusivo contra a Violencia de Xénero en Ourense, unha petición que xa reiterou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia en varias ocasións, e que tamén se estende a Santiago, Lugo, Pontevedra e Ferrol.